PARLAMENTO GALEGO

Luís Bará reclama o cesamento da actividade de Elnosa en Lourizán

Luis Bará na tibuna do Parlamento
Luis Bará na tibuna do Parlamento
Luís Bará reclama o cesamento da actividade de Elnosa en Lourizán
  • O nacionalista recriminou que a  portavoz popular, Guadalupe Murillo reproducira un slogan pagado pola empresa ELNOSA  sobre o incremento do  paro en Pontevedra

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe unha proposición non de lei para iniciar os trámites do cesamento da actividade de ELNOSA en Lourizán , desbotar a ampliación da concesión dos terreos de “dominio público” marítimo terrestre que ocupa e instar ao Goberno galego a dirixirse  ao Ministerio de Medio Ambiente para a recuperación dos mesmos.

Trala intervención da portavoz do Partido popular, Guadalupe Murillo que anunciou o voto en contra á proposición nacionalista,  o deputado do BNG  lembrou que o Partido popular no ano 2013 chegou a un acordo coa empresa para o traslado da factoría e que a propia empresa comprometíase a buscar unha nova ubicación polo que preguntou que estiveron facendo todos estes anos?.O parlamentario tamén criticou que a portavoz popular baseara a súa defensa de ELNOSA sobre 70 postos de traballo, sen embargo, dixo, “non lle preocupan os postos de traballo que destrúe ademais do prexuízo provocado por esta empresa nociva e contaminante”.

O Partido popular non pode xustificar a permanencia de ELNOSA por un cambio de tecnoloxía, recalcou o nacionalista, o problema real é “ a actividade, a ubicación e ampliación da concesión”. Vostedes, despois de reunirse coa empresa tentan xustificar a sùa permanencia en base a ese “suposto cambio en tecnoloxía e investimentos”.

Luís Bará afirmou que o concello de Pontevedra está en contra da permanencia de ELNOSA e de ENCE e “utilizaremos todos os medios legais e institucionais para resolver esta situación”.

Bará lamentou que a portavoz do Partido popular defendera con tanto énfase a permanencia de ELNOSA , defensa que, en opinión do nacionalista, responde á intención de Guadalupe Murillo a presentarse como candidata á alcaldía de Pontevedra.

Sobre os postos de traballo que se perderían no traslado de ENCE- ELNOSA, Bará asegurou que é un “slogan utilizado por ENCE e pagado por ELNOSA” pero a realidade é que Pontevedra posúe un dinamismo e atractivo que a diferenza de moitas cidades do mundo e non é certo que sexa a cidade con máis paro de Galiza. Vostedes, dixo, “se medra o paro é culpa dos demais e se baixa é un logro do PP”. A realidade, recalcou, é que nos últimos dous anos o paro diminuíu, polo que pediu aos populares que non sigan utilizando ese slogan nin peguen carteis polas rúas de Pontevedra porque é “unha burda mentira”, concluíu.