Luís Bará pídelle ao PP que non boicotee a iniciativa da Deputación da Coruña para recuperar Meirás

Luís Bará
Luís Bará

O deputado do BNG, Luís Bará criticou que o Partido popular defenda crear unha comisión sobre o Pazo de Meirás cando xa existe unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña, concellos e asociacións para a recuperación da memoria histórica

O deputado do BNG, Luís Bará criticou que o Partido popular defenda crear unha comisión sobre o Pazo de Meirás cando xa existe unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña, concellos e asociacións para a recuperación da memoria histórica traballando para a devolución do Pazo e dos bens espoliados ao pobo galego polo que  pediu á Xunta de Galiza  apoiar e  sumarse a esta iniciativa.

Hoxe, dixo o nacionalista, estamos a falar da devolución do Pazo de Meirás despois de 80 anos do seu roubo e 42 anos  da morte do ditador e preguntou  como é posible que “bens roubados” sigan en mans da familia Franco. Estamos, ante “unha anomalía histórica e unha vergoña democrática”  que pon en evidencia as “complicidades co franquismo, complicidades que tamén existiron durante  a Transición e diso sabe moito o Partido popular,  “7 fundadores de Alianza Popular foron ministros do franquismo”.

Meirás, afirmou o deputado do BNG,  é o símbolo da “impunidade” que segue desfrutando a familia do caudillo  ao que sumou   os títulos nobiliarios do Señorío de Meirás e  Ducado de Franco, unha “vergoña para unha democracia”. Hai que coñecer a verdade dun espolio, dun roubo perpetrado por un réxime “ilegal, saído dun golpe de Estado” e o espolio  dunha organización corrupta que foi a que roubou Meirás e  os bens ao pobo galego.

Agora, explicou Bará, o Partido popular fai unha proposta  “limitada e con moitos erros e inexactitudes” como manobra para acalar o clamor social a favor da devolución dos bens roubados. Vostedes, dixo, dirixíndose ás bancadas populares, negáronse a tramitar a declaración  BIC do Pazo de Meirás e mesmo Feijóo chegou a declarar que non era un Pazo, que eran só unhas torres.

O PP rexeitou sistematicamente todas as iniciativas para a devolución de Meirás e demostrou  a súa complicidade coa familia e Fundación Franco  mesmo “regalándolle  53.000 de subvención para abrir o pazo”. Agora, reiterou veñen cunha iniciativa  de “boicot  e contra programación á  iniciativa tomada pola Deputación da Coruña xunto  outras institucións e concellos para crear unha xunta pro-devolución do Pazo ”. 

O deputado volveu pedir que o Parlamento formulara unha condena da Fundación Franco. Que o Partido popular condene as declaracións de apoloxía do franquismo e  evite que o guía das visitas ao pazo de Meirás sexa “un policía represor”. Bará volveu pedir  a ilegalización da Fundación Franco por apoloxía do xenocidio e do franquismo.

O obxectivo, remarcou, é recuperar Meirás e todos os bens espoliados e ademais, “expulsar o franquismo de Galiza e da democracia”. O goberno galego debe sumarse a iniciativa impulsada pola Xunta pro devolución do Pazo de Meirás  e non boicotear iniciativas que xa están en marcha.

A proposición non de lei  para crear a comisión saíu adiante só  cos votos do grupo popular.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG