Luís Bará pide que Xunta e concello de Vigo abandonen a confrontación e resolvan o problema da auga

Luís Bará
Luís Bará

Propón modernizar a Estación potabilizadora do Casal, non regar con auga depurada as zonas verdes, mellorar as canles de  distribución no concello e reabrir o Pacto local da auga para que as persoas usuarias non paguen o mesmo por distintos consumos

Luís Bará pide que Xunta e concello de Vigo abandonen a confrontación e resolvan o problema da auga

O deputado d BNG por Pontevedra, Luís Bará defendeu hoxe unha proposición para instar  á Xunta a implantar  medidas que melloren o abastecemento de auga á cidade de Vigo e iniciar a  modernización da planta potabilizadora do Casal.

Na defensa da iniciativa, Bará pediu á Xunta e ao grupo de goberno municipal de Vigo que “abandonen a confrontación política” e resolvan dunha vez os problemas de auga que afectan a cerca de 300 mil habitantes da cidade olívica.

O parlamentario propuxo medidas de “redución” no uso da auga entre as que destacou: “A xestión da contorna dos cursos da auga, coidado da vexetación e forestación das zonas na conca do Oitavén, zona hidrográfica Galiza Sur, e  Serra do Suído, un plan de racionalización e sustentable da auga  con aforro e redución de consumo evitando que se baldeen as rúas ou  reguen as zonas verdes con augas depuradas”. Por outro lado, considerou que as persoas usarías non poden pagar o mesmo si consumen cinco metros cúbicos ou quince polo que reclamou reabrir o “Pacto local da auga”, conxelado dende hai cinco anos.

Pola súa parte, a portavoz do  Partido popular, Teresa Egerique  responsabilizou ao goberno municipal vigués dos problemas relacionados coa calidade da auga. O parlamentario do BNG respondeu á portavoz popular que  a responsabilidade corresponde á Xunta e concello de Vigo. “O concello debe mellorar  a rede de distribución da auga  pero a Xunta é responsable dunha planta potabilizadora  nunhas condición que non a fai apta  para abastecemento da auga”. A planta, reiterou está “obsoleta” e non pode garantir a calidade da auga co risco que isto supón para a  poboación, advertiu.

O deputado do BNG lamentou o voto en contra do Partido popular que impediu que a iniciativa nacionalista prosperara e acusou á Xunta de non cumprir o acordo asinado co Estado no ano 2012 para mellorar a planta do Casal  cun investimento de vinte millóns de euros. Vostedes, dixo, utilizan a auga de Vigo como “unha guerra partidista” e tanto a Xunta como o goberno do  concello de Vigo teñen intereses nesta “confrontación”.

Finalmente, Bará tamén  lembrou que o Plan Hidrolóxico de Galiza prevé uns investimento, ata o ano 2020, de 300 millóns de euros de fondos europeos para actuacións como “a mellora do   abastecemento do sistema de Eiras-Vigo con 27 millóns de euros” polo que preguntou que pensa facer a Xunta con esta cantidade e cal vai ser o seu destino.