Luís Bará pide no Parlamento retirar o proxecto comercial “especulativo” Porto de Cabral

Afectados polo proxecto Porto de Cabral no Parlamento
Afectados polo proxecto Porto de Cabral no Parlamento

O nacionalista propuxo unha moratoria de “dez anos” para a concesión de licenzas para  grandes centros comerciais en Vigo e un plan sectorial de equipamentos comerciais para Galiza

Luís Bará pide no Parlamento retirar o proxecto comercial “especulativo” Porto de Cabral

O deputado por Pontevedra, Luís Bará reclamou hoxe, a través dunha proposición non de lei, “retirar o proxecto do macro complexo comercial e de lecer no monte comunal de Liñeiriños- Cabral” polo súa “dubidosa legalidade” e impacto negativo sobre un espazo social, paisaxístico e mesmo laboral no monte de Cabral.

 O parlamentario trasladou á sesión plenaria o rexeitamento veciñal e da asemblea da comunidade de montes en man común a un proxecto especulativo e con graves prexuízos para a poboación e comercio local. “Hai que poñerlle freo a este proxecto” e tanto o concello de Vigo como a Xunta, teñen competencias para facelo, recalcou.

 O deputado , tras saudar a unha representación de veciños e veciñas de Cabral presentes no debate, asegurou que o macro proxecto comercial é “ un  espolio ao patrimonio, destrúe o tecido comercial local e representa un modelo depredador que conduce á precariedade”. Bará reiterou que o proxecto de Cabral é un exemplo dun sistema especulador do solo e o monte para “beneficio exclusivamente  privado”.

 Para o parlamentario, o macro proxecto comercial  “desertiza os centros urbanos” provoca  desprazamentos innecesarios á periferia a hora de facer compras e incide na contaminación, perda de tempo e destrución da contorna con obras  para  accesos.

 A de Cabral afirmou, é unha loita gañada pola  veciñanza ao votar en contra da venda de terreos no ano 2013 fronte á poderosa maquinaria, económica e  propagandística das multinacionais interesadas no macro complexo comercial  na cidade de Vigo.

 Pola súa parte, a portavoz popular Teresa Egerique desviou as responsabilidades  ao concello de Vigo e ao Plan de Ordenación urbana desta cidade. O  nacionalista replicou que será o Partido popular o que tramite o proxecto baixo unha lei que defende o modelo como  o de Cabral  e lamentou que o PSdG-PSOE apoie tamén o proxecto.

Bará criticou que PP e PSOE aposten por macro centros en detrimento do comercio local e de proximidade polo que volveu a propoñer  “unha moratoria de dez anos para a concesión de licenzas para grandes áreas comerciais no concello de Vigo    e un plan sectorial de equipamentos  comerciais en Galiza.

 Finalmente, o parlamentario do BNG demandou da Xunta de Galiza “exercer o control sobre a xestión administrativa e económica da comunidade de montes en man común de Cabral.