Luís Bará: “Non hai marxe legal para que Audasa aplique unha segunda subida da AP-9 en 2018”

Luís Bará e Olalla Rodil
Luís Bará e Olalla Rodil

Demanda unha investigación sobre os convenios asinados coa concesionaria en 2011 e 2013 e sobre as condicións laborais das obras de ampliación da autoestrada

Luís Bará: “Non hai marxe legal para que Audasa aplique unha segunda subida da AP-9 en 2018”

O BNG considera que en base ao convenio asinado entre o Ministerio de Fomento e AUDASA en 2011 a concesionaria da AP-9 non pode legalmente impoñer unha segunda subida das peaxes en 2018 máis aló da ordinaria que entrou en vigor co arranque do novo ano. 

Así o explicou o portavoz parlamentario de Infraestruturas, Luís Bará, citando a literalidade do punto sexto do convenio, no que para o Bloque queda claramente establecido que un incremento extraordinario das tarifas, -nestes caso polas obras de ampliación-, “aplicarase simultaneamente coas revisións ordinarias de tarifas”, algo que non se fixo e, polo tanto, non pode haber unha nova subida das peaxes na AP-9 ata 2019. 

Bará tamén avanzou que o BNG vai pedir no pleno do Parlamento unha investigación sobre os convenios asinados entre o Ministerio de Fomento e AUDASA en 2011 e 2013, así como unha investigación das obras de ampliación tanto polo baile de cifras nos investimentos como polas condicións laborais totalmente abusivas, que mesmo teñen causado unha vítima mortal durante a ampliación de Rande. 

Para levar a cabo esa solicitude de investigación a formación nacionalista recabará o apoio das outras forzas políticas da oposición, investigación que pode ser a través dunha comisión parlamentaria ou a través da realización dunha auditoría, ou mesmo a través da comisión bilateral da AP-9 Fomento-Xunta. “Sería unha maneira de que demostrase que serve para algo”, indicou o deputado, “porque ata agora só é unha cortina de fume. 

“Declaramos iniciada a batalla de Rande para pararlle os pés a AUDASA”, expresou simbolicamente o deputado por Pontevedra, insistindo en que o Bloque non renuncia a acabar coa estafa legalizada das peaxes, a reclamar descontos e bonificacións inmediatas nas tarifas, a conseguir a transferencia e xestión da AP-9 ou a supervisar a calidade dos servizos que presta a concesionaria. Bará tamén advertiu que, pese a inauguración, as obras de ampliación non están concluídas. 

“Foi unha inauguración irresponsable, escandalosa, unha provocación, porque as obras están sen rematar”, indicou, sinalando que a ampliación ten as pasarelas sen habilitar, carece de iluminación a través de farolas, non están executados os accesos á parroquia de Chapela, por exemplo, nin tampouco as obras de urbanización e redución de ruídos, pese a que afecta á calidade de vida da veciñanza e mesmo a servizos educativos da zona. 

O deputado lembra que na inauguración non estiveron presentes as alcaldías dos concellos do Morrazo nin Redondela e acusou ao PP, ao Goberno central e a Xunta de favorecer os intereses da concesionaria como levan facendo nos últimos anos. “AUDASA desde Itínere co fondo especulativo americano Corsario como principal accionista exercen a piratería na Ría de Vigo para roubar o tesouro de Rande que, en contra do que parecía, non está no fondo do mar”, ironizou.

Á subida do 1,9% da peaxe súmanse os incrementos da factura da luz, gas, gasóleo, teléfono ou no servizo de correos, “todo sube, menos as pensións e os salarios”, indicou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.