Luís Bará leva ao Parlamento o colapso dos xulgados que se ocupan das demandas das cláusulas chan

Luís Bará
Luís Bará

A situación é especialmente grave en Vigo e na Coruña e pide que as denuncias se podan presentar en todos os xulgados para evitar a avalancha e achegar a xustiza á cidadanía

O portavoz parlamentario de Xustiza, Luís Bará, levou á Cámara a situación de colapso dos xulgados que se encargan de resolver as cláusulas chan, tras a presentación masiva de denuncias por parte das persoas afectadas por este novo abuso bancario, decididas a recuperar o diñeiro estafada tras a posibilidade aberta polas diferentes sentenzas, incluída a do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en contra desa práctica bancaria.

Bará instou a “buscar solucións a unha situación extrema derivada da avalancha de denuncias presentadas”, situación que é especialmente grave  nos xulgados de Vigo e A Coruña. En concreto, no xulgado especializado neste asunto da cidade olívica hai a día de hoxe 3.000 denuncias acumuladas, situación que non mellorou coa decisión de adicar o xulgado número 14 a este asunto.

“Non deixa de ser un novo parche, como denunciou o propio xuíz decano de Vigo”, indicou o deputado nacionalista, quen instou a atender a petición dos propios profesionais da xudicatura que propoñen que as demandas podan presentarse e resolverse en calquera xulgado de Galiza, “e de paso se cumpriría a máxima de achegar a administración de xustiza ao administrado, porque é máis doado para un veciño ou veciña de Lalín poder presentar a denuncia no seu partido xudicial que desprazarse a Vigo”, alegou.

O deputado do Bloque demandou da Xunta as xestións necesarias para conseguir que as denuncias se podan presentar en calquera xulgado, en lugar de limitarse a un só por provincia, co resultado do colapso que está á vista de todos. Máxime despois de que o director xeral de Xustiza do Goberno galego, Juán José Martín, admitise ante Bará que a Xunta tampouco concorda coa decisión de limitar a presentación das denuncias a só catro xulgados especializados.

“A decisión foi tomada polo Consello Xeral do Poder Xudicial, pero o Ministerio de Xustiza pode acordar outra solución, sobre todo porque é un fiasco e debería cambiarse”, concluíu Bará.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG