Galegas 2016

Luís Bará: “Galiza precisa un observatorio de ámbito galego que garanta a transparencia de prezos dos produtos agropecuarios”

  • O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra reuniuse coa presidenta da Asociación Galega de Cunicultores, que explicou que os produtores de carne de coello están a producir baixo custes
  • Apostou polo apoio ao comercio local e á comercialización de produtos autóctonos na feira de Bandeira

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe en Rodeiro que Galiza debe contar cun Observatorio de Prezos propio que proporcione transparencia na conformación dos prezos dos produtos agropecuarios, fundamentalmente para fixar prezos mínimos que cubran os custes de produción das explotacións. Bará así o dixo no encontro mantido coa presidenta da Asociación Galega de Cunicultores (Progacun), primeira organización galega de produtores de carne de coello, Maria Antonia Ramos.

Bará coñeceu a situación das explotacións cunícolas galegas, que conforman a maior porcentaxe no estado español, e están a vivir unha grande problemática pola centralización e concentración de produtores a nivel estatal. A presidenta de Procagun, de feito, explicou que as granxas galegas están sobrevivindo malamente porque non cubren os custes, o que aproveitan os grandes produtores para adquirilas e ampliar o seu ámbito de actuación. “Na lonxa de Madrid fíxanse os prezos e se o custe de produción está en 1,80 euros segundo o Ministerio, nós estamos a cobrar 1,54 euros. É difícil de soster a produción nestas condicións”, subliñou, ao tempo que criticou o tipo de contratacións que realizan empresas maioritarias no sector forzando aos seus empregados a seren autónomos.

coellos3O candidato lembrou que o BNG ve necesario unha regulación e a posta en marcha de interprofesionais de ámbito galego con fin de introducir transparencia e equilibrio nas relacións entre o sector produtor e as empresas de comercialización. “É preciso un marco galego de negociación que permita chegar a acordos entre as partes e que teña como obxectivo conseguir que os prezos percibidos polo sector cubran os custos de produción”, asegurou.

Nese sentido, Bará volveu destacar a necesidade de contar con forzas políticas propias que defendan os intereses do país “contra a extorsión das grandes corporacións estatais que condicionan e someten aos gobernos servís do PP que defenden unha cousa en Madrid e outra en Galiza.

Por outra banda, Bará tamén estivo en Silleda, a onde se trasladou á feira de Bandeira para realizar un reparto electoral. Estivo no centro da vila para interesarse pola situación do comercio local e manifestou o apoio do BNG ao comercio de proximidade, incentivando a compra de produtos locais e galegos, así como a distribución e relación comercial directa entre persoas produtoras e distribuidoras, a aposta por axudas á implantación de establecementos que comercialicen produtos autóctonos e de produción ecolóxica.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG