Galegas 2016

Luís Bará: “Galiza perdeu sete anos coa xestoría Feijóo”

Acto público de Moaña
Acto público de Moaña
  • O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra asegurou hoxe en Moaña que “Rajoy e Feijóo deben condear as ameazas contra deputados do BNG na Deputación ou serán cómplices de prácticas paraterroristas”

O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe en Moaña que “Galiza perdeu sete anos coa xestoría Feijoo”. O nacionalista afirmou que o país perdeu a oportunidade de dar un salto cara adiante no desenvolvemento das súas potencialidades xa que o goberno Feijóo paralizou importantes proxectos de transformación e modernización que estaban en marcha en 2009 da man do BNG no goberno galego: o plan eólico, o banco de terras, o programa de innovación e investigación ou unha política integral de montes.

“Feijoo convertiu o goberno galego nunha xestoría, unha administración sen alma, sen ambición e sen visión de futuro. Na práctica é unha delegación do goberno central en Galiza que aplicou de maneira sumisa e servil as ordes da UE e dos intereses do capital financeiro.  Foi alumno aventaxado para facer carreira política, antepoñendo os seus intereses e o das grandes corporacións aos do país. E causando un enorme sufrimento como consecuencia do incremento das cifras de paro, pobreza, precariedade e da redución drástica do gasto social”, dixo o cabeza de lista.

Fronte ao modelo de ‘minigoberno Feijóo’, Bará explicou que o BNG quere que a Xunta de Galicia se convirta nun auténtico goberno galego que desenvolva unha alianza estratéxica entre o tecido produtivo e a investigación e innovación para multiplicar os beneficios da economía galega xerando riqueza, emprego e benestar desenvolvendo o traballo no mar, o monte, a acuicultura, a biomedicina ou a horticultura, entre outros. “Precisamos un goberno con ambición de país, que aposte polo talento e a innovación, pola xente nova, polo emprendemento e a modernización. Un goberno en definitiva que poña a país a producir e que desenvolva o potencial que ten Galiza en todos os sectores da economía”, salientou.

O nacionalista asegurou que o BNG ten un proxecto “propio e alternativo, diferente, nacional, para Galiza”, e é garantía de solvencia, seriedade e saber facer, como xa demostrou nos gobernos nos que está. “Non é tempo de experimentos. Hai que saber que se quere facer e demostrar que se sabe como”, asegurou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG