GALEGAS 2016

Luís Bará: “Galiza debe contar con centros de alto nivel e excelencia científica como o campus do mar en Vigo”

Encontro Asociación de Veciños de Teis
Encontro Asociación de Veciños de Teis
Luís Bará: “Galiza debe contar con centros de alto nivel e excelencia científica como o campus do mar en Vigo”
  • O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra avogou por centrar os esforzos de I+D nos campos nos que o país é unha potencia, como o aproveitamento mariño
  • Apostou por converter as instalacións da antiga ETEA en Teis nun espazo científico-tecnolóxico dotacional

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que Galiza debe contar con centros de alto nivel e excelencia científica como o Campus do Mar de Vigo. Bará destacou que o BNG centrará os esforzos de I+D e innovación naqueles campos e especializacións, que, como o da investigación mariña, máis contribúen a reforzar as capacidades produtivas do país.

O nacionalista lembrou que é preciso que Galiza realice unha xestión íntegra da I+D+i, polo que o BNG demandará que todos os fondos europeos relativos á innovación que correspondan ao país sexan xestionados polo goberno galego e se integren co resto de fondos económicos.

Por outra banda, Bará lembrou que o BNG sempre defendeu que as instalacións da antiga Escola de Transmisións e Electricidade da Armada (ETEA) situadas en Teis acollesen o Campus do Mar, isto é: converter os espazos da ETEA en espazos científico-tecnolóxicos e dotacionais formando a Cidade do Mar. “O Campus do Mar na ETEA é unha necesidade vital para o desenvolvemento económico e social da cidade de Vigo, tendo en conta que estariamos a falar do maior referente europeo en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico do Mar en temas como por exemplo a biotecnoloxía azul, desenvolvendo produtos do mar con distintas aplicacións, mesmo sanitarias”, subliñou o candidato.

Encontro Asociación de Veciños de TeisPara o BNG é fundamental a recuperación da antiga ETEA, segundo dixo Bará, polo que se debe axilizar ao máximo a posta en marcha do Campus do Mar co acompañamento dotacional e de infraestruturas sociais para o barrio de Teis que estaban incluídas no proxecto inicial. “A falta de compromiso tanto político como económico do Goberno Feijóo para o desenvolvemento deste proxecto ao longo destes anos é máis que notorio, proxecto que debería ter liderado xunto coa Universidade de Vigo”, salientou, para engadir que para que o Campus do Mar sexa unha realidade é preciso e urxente o entendemento entre as administracións directamente implicadas (Xunta e Concello de Vigo) xunto coa Universidade de Vigo e a Zona Franca.

Bará realizou estas declaracións logo de terse reunido con membros da directiva da Asociación de Veciños de Teis, que lembraron que no outono deste ano vanse facer 13 anos da saída definitiva dos militares dos terreos da ETEA. Destacaron que nestes anos houbo logros importantes como foi conseguir o aceso da veciñanza ás instalacións e ao litoral ou a apertura do pavillón, pero “todo grazas á reivindicación e á mobilización veciñal”.

Neste sentido, o candidato do BNG louvou o traballo e dedicación dos veciños, xa que segundo indicou, a mobilización social é fundamental para facer presión ante as administracións. Subliñou, en calquera caso, que contarán co apoio da formación nacionalista no goberno e no Parlamento galego.