Galegas 2016

Luís Bará defende que a memoria histórica forme parte dos contidos dos programas de ensino

Acto sobre a memoria histórica organizado por Galiza Nova
Acto sobre a memoria histórica organizado por Galiza Nova
  • O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra nas eleccións galegas participou hoxe en Tui nun acto de memoria e reivindicou unha lexislación e unha política pública de memoria
  • “Non se pode construír unha sociedade democrática a partir do esquecemento”, asegurou

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, defendeu hoxe en Tui a necesidade de que a memoria histórica forme parte dos contidos dos programas de ensino. O nacionalista destacou que é fundamental, sobre todo, que a xente moza coñeza a realidade para aprender do acontecido: “A socialización do saber e do coñecemento do que pasou dende unha perspectiva histórica é fundamental, porque en Galiza houbo realmente unha masacre, un xenocidio de miles de persoas que eran do mellor que había na sociedade, comprometidas e con moita capacidade política para actuar no país”, subliñou.

Bará, secretario e fundador da asociación 'A Regaduxa-Memoria histórica de Vilaboa' e membro da Iniciativa Galega pola Memoria, participou con estas palabras no acto de memoria histórica organizado por Galiza Nova en Tui, no que tamén estiveron presentes Alberte Mera, Marga Romero e Afonso Cáccamo. Ao rematar ao acto leuse un manifesto de repulsa pola recente pintada fascista feita nos muros da igrexa de San Domingos e acto seguido realizouse unha ofrenda floral diante do monumento aos represaliados do 36, na propia alameda.

tui4No acto Bará tamén reivindicou que haxa unha lexislación e unha política pública da memoria tanto a nivel galego como estatal “para conseguir que non se repitan feitos tan dramáticos como os que aconteceron aquí logo do 36”, insistiu. De feito, o candidato destacou que as cuestións de memoria histórica están a quedar nun segundo plano a nivel político “porque estamos nun momento doutras urxencias”, pero sinalou que para o BNG é unha cuestión principal, de principios éticos e democráticos “ porque non se pode construír unha sociedade democrática a partir do esquecemento”.

O nacionalista lembrou que foron moitas as persoas que se comprometeron, loitaron e sacrificaron as súas propias vidas por ideais de liberdade e xustiza social, de solidariedade ou de democracia. “A procura da verdade e de reparación de todas estas persoas é unha causa ética e democrática de primeira orde e para nós é absolutamente imprescindible... Por iso a participación da xente nova neste tipo de xornadas é fundamental, porque deben saber que chegamos aquí grazas ao sacrificio e ao esforzo de moita xente”, dixo.

Segundo destacou, no estado español hai unha anomalía que ten que ver co pacto da Transición que creou un pacto de silencio e de amnesia. Explicou que a amnnistía acordada naquel momento histórico levou ao esquecemento de toda esta parte da nosa historia e que se impuxo unha narración sobre o que foi a guerra e a represión que non foi a real e verdadeira. “Estamos a estas alturas, 80 anos despois, aínda reivindicando a necesidade de exercer a memoria como unha vía para conseguir saber a verdade, para que haxa xustiza e para que haxa reparación. Noutros países esto resolveuse moito antes. Digamos que é unha eiva que ten esta democracia que presume mesmo de Transición, pero que foi unha Transición que ten moitas carencias e que en moitos aspectos non é nada modélica”, salientou.

A charla sobre memoria histórica desenvolvida na aula da Uned de Tui rematou cunha homenaxe floral ás vítimas, da que Bará destacou que tivo un simbolismo reparador “porque a memoria a nivel familiar das vítimas tamén debe ter unha función terapéutica de curar algunhas feridas que algúns queren pechar, pero que quen ten que decidir se se pechan son as propias familias”. “É preciso estar próximos ás persoas que tanto sufriron e que ás veces non tiveron nin o dereito ao do, a vivir e compartir publicamente a súa dor”, finalizou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG