Luís Bará critica o veto do PP para blindar por lei o hospital único de Montecelo, Pontevedra

Luís Bará, Ana Pontón e Miguel Anxo F. Lores
Luís Bará, Ana Pontón e Miguel Anxo F. Lores
Luís Bará critica o veto do PP para blindar por lei o hospital único de Montecelo, Pontevedra
  • Lores, no debate da ILP,  avisa que o Concello vixiará que se cumpra o convenio: “Non é que non me fíe de Feijóo pero é o terceiro convenio que asino, así que a deus rogando pero co mazo dando”

O BNG fixo un recoñecemento a todo o pobo de Pontevedra, aos concellos da comarca, aos profesionais da sanidade e ao Goberno municipal porque, en palabras do deputado Luís Bará, son os protagonistas do “logro colectivo” que permitirá ter o Hospital único de Montecelo e  “pagar a débeda histórica” coa área sanitaria de Pontevedra en beneficio das 300.000 persoas que a integran.

Durante o debate parlamentario da iniciativa lexislativa popular (ILP) para crear un hospital público e único a través da ampliación do actual Montecelo, Bará lembrou o empeño do PP en sacar adiante a opción de Monte Carrasco movido por “intereses privados” que tiveron como gran impulsor “a mesma persoa que agora vai dar un golpe no Concello de Sanxenxo”, indicou en relación ao que ex concelleiro na cidade do Lérez Telmo Martín.

O deputado puxo en valor o traballo dos impulsores da ILP e criticou o veto do PP porque, ao igual que os promotores, entende que plasmar por lei a ampliación que dará lugar ao Hospital único de Montecelo “é a mellor garantía para desbotar a sanidade como negocio entre empresas amigas, a mellor  maneira de ter un compromiso firme coa sanidade pública, universal e de calidade” para a Área sanitaria de Pontevedra.

Luís Bará, Ana Pontón, e Miguel Anxo F. LoresBará foi moi crítico coa postura mantida durante anos polo PP neste asunto. “Se Feijóo non tivese incumprido o convenio asinado en 2009 hoxe xa teríamos en marcha o hospital único e público, pero aínda queda un longo camiño por diante para conseguilo”, concluíu.

Tamén o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que acompañou aos promotores desde a tribuna da Cámara durante o debate, valorou o movemento social, veciñal, sindical e político que forzou o cambio “de tocata” do PP, e foi capaz de frear a proposta de Monte Carrasco. “Positiva a loita, a vitoria e o cambio de opinión do PP”, sintetizou, pero lembra que, como rexedor, xa leva tres convenios asinados que recollían a opción do Hospital único de Montecelo.

“A partir de aí non é que non me fíe do convenio que asinei co presidente da Xunta, pero vou seguir de cerca este proceso para garantir que finalmente Pontevedra teña o hospital único público e de xestión pública que é absolutamente necesario”, argumentou.

O alcalde nacionalista lamentou o veto do PP á ILP “porque é unha iniciativa popular maioritaria da sociedade pontevedresa e non estaría mal que a apoiase”, e avanzou que na parte que lle corresponde “o Concello de Pontevedra vai seguir cumprindo os compromisos adquiridos coa Consellería de Sanidade, aínda que, -reiterou-, neste tipo de convenios chove sobre mollado porque xa asinei tres e dous volvéronse atrás. Espero que este non”.

En todo caso, Lores tirou de refraneiro para asegurar que o goberno municipal que lidera vai estar vixiante sobre o cumprimento deste terceiro convenio. “Seguindo a máxima que di a deus rogando e co mazo dando, seguiremos esixindo que se cumpran eses compromisos porque o que quere o BNG é que a Área de Pontevedra teña unha sanidade pública, que é boa, pero para que non se deteriore é preciso seguir investindo e ampliando os servizos”.

“Imos estar sempre esixindo que non se baixe a garda, e por iso estou tamén aquí hoxe no Parlamento apoiando esta iniciativa lexislativa popular”, concluíu.