Luís Bará critica a falta de respecto institucional da Xunta con Lalín nun tema tan básico como a sanidade

Luís Bará
Luís Bará

Pide que se informe da alteración do acordo de 2011 e do suposto plan funcional que teoricamente o substitúe, en canto a contidos, prazos e orzamentos 

Bara ao xerente do SERGAS: " Estou estupefacto pola súa capacidade para escabullirse"

O deputado por Pontevedra Luís Bará preguntou por cuarta vez á Xunta no Parlamento pola situación do convenio asinado entre o Concello de Lalín e  Consellería de Sanidade en 2011 para a construción de un centro de alta resolución (CAR). Unha batería de preguntas moi concretas formuladas ao xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa, que quedaron sen resposta.

“Estou estupefacto pola súa capacidade de escabullirse das preguntas, moi precisas e moi concretas que lle formulei, e limitouse a facer un canto ás marabillas da sanidade en Lalín”, ironizou o deputado pontevedrés, quen lle reprochou á Xunta a falta de respecto institucional co goberno local que representa a toda a veciñanza de Lalín.

“Coiden as formas que son fundamentais nas relacións institucionais, porque non é de recibo, non é lóxico e non é xusto que teñamos que vir aquí a pedir explicacións, porque a Goberno de Lalín representa a toda a veciñanza e merece un respecto”, salientou Bará, por iso, instou á Consellería de Sanidade a dar explicacións ao Executivo local.

“Están incumprindo un acordo e están tomando decisións en contra dese acordo sen comunicarllo aos representantes do concello, -se acaso aos concelleiros do PP-, o que me parece moi grave. En democracia é unha norma, unha regra formal que hai que cumprir por respecto institucional e vostedes aí fallan estrepitosamente”, recalcou.

As preguntas formuladas polo deputado nacionalista pretendían aclarar cal é a posición actual da Xunta en relación ao convenio de 2011 e explicar os cambios que se produciran.

“Por que a Xunta incumpriu o acordo co concello de Lalín para a construción dun Centro de Alta Resolución? Chegou a realizarse o estudo de viabilidade do CAR comprometido polo conselleiro de Sanidade? De ser así, quen o redactou, cando se rematou e a que conclusións de chegou?”, interpelou Bará ao xerente do SERGAS na Comisión de Sanidade.

“Existe un plan funcional para a mellora da atención sanitaria en Lalín? Quen se encarga da súa redacción? En que prazos se prevé que estea rematado? Ten previsto a Xunta informar ao concello de Lalín sobre esta proposta? Se aínda non está rematado o plan funcional, como é que o portavoz do PP no Parlamento anunciou a construción dun centro integrado de saúde, en que prazos e con que orzamentos?”, finalizou.

A batería de preguntas quedaron sen resposta máis alo da confirmación por parte do xerente do SERGAS de que se incumpre o convenio de 2011 e que se está redactando un plan funcional sen concreción de prazos, nin de investimentos.

Bará indicou que se está redactándose un plan de funcional debería ser obxecto de información e consultas co Goberno local de Lalín, así como da poboación e dos profesionais da sanidade, de xeito similar a como se está facendo en Pontevedra co hospital de Montecelo.

“Nada sobre prazos e orzamentos. Hai algunha partida para 2018 ou van asinar un novo convenio en campaña electoral co seu candidato de Lalin, porque entón toca na primavera de 2019?”,concluíu o deputado con ironía.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG