Galegas 2016

Luís Bará: “A clave para saír adiante é ter ambición de país e apostar polo noso”

Luís Bará en Poio
Luís Bará en Poio
  • O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra nas eleccións galegas reuniuse hoxe en Poio con emprendedores e autónomos
  • Destacou a necesidade dunha banca pública que dea facilidades e dunha nova fiscalidade que non asfixie ás novas empresas

“A clave para saír adiante é ter ambición de país e apostar pola innovación e o noso saber facer”, dixo hoxe o candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, durante a reunión mantida esta tarde en Combarro con emprendedores e autónomos. O cabeza de lista fixo referencia á necesidade de que Galiza teña ferramentas propias que permitan “facilidades reais” para levar adiante proxectos de futuro e puxo sobre a mesa a proposta do BNG para crear unha banca pública ou un instituto propio de crédito e aplicar unha fiscalidade galega que permita reinvestir no país toda a riqueza que xera sen asfixiar ás empresas.

Bará destacou que é preciso que, sobre todo no momento da xeración dunha empresa, as administracións faciliten a actividade reducindo os trámites necesarios, dean apoio técnico e económico, promoción externa, así como que velen pola Lei da Morosidade. Así mesmo, o cabeza de lista apuntou a necesidade de apostar polos proxectos vinculados a sectores produtivos punteiros na de xeito natural en Galiza.

“Dame esperanza que a pesares da dificultade os proxectos hoxe saen adiante, polo que hai que pensar que somos capaces de desenvolver as nosas potencialidades e que se podería chegar a mellores resultados con ferramentas propias. Hai que apostar polas empresas da terra. Falta ter unha visión ambiciosa de país, porque hai capacidade para estar entre as empresas máis competitivas e o que se precisa é ter ferramentas para poder desenvolvelas. Así ocorre en moitos ámbitos en País Vasco, Navarra ou Cataluña”, subliñou Bará.

Todas estas cuestións foron abordadas nun encontro no que estiveron representantes sectores moi diversos que aportaron propostas para un novo futuro goberno galego. Así, participaron socios da cervexa Meiga, que manifestaron que logo de dous anos e medio de traballo elaboran entre 1.500 e 3.000 litros ao mes de cervexa artesá e precisan importar o lúpulo de fóra do estado español, cando en realidade as terras galegas teñen características perfectas para poder cultivalo con grande éxito. Tamén destacaron a necesidade de facer unha diferenciación de microempresas con grandes produtores en canto a exención de impostos, e tamén dunha normativa galega propia como se desenvolveu en Cataluña para a cervexa.

Por outra banda, autónomos relacionados co sector da construción sinalaron as dificultades para emprenderen e a cantidade de impostos que se chegan a pagar na posta en marcha das empresas. Neste sentido, Luís Bará, destacou que é preciso establecer unha sociedade igualitaria diferente ao que ocorre agora e na que “non se beneficien fiscalmente as grandes empresas, que son as principais responsables do fraude fiscal”. Os empresarios tamén subliñaron que a día de hoxe boa parte da man de obra cualificada xove quere traballar no estranxeiro porque non é posible cobrar en Galiza un soldo digno.

Finalmente, e entre outras moitas propostas, Bará recolleu e compartiu a do proxecto Beltaine, premiado por AJE e merecedor do Incuvi Emprende, que sinalou a urxencia de apostar pola innovación para permitir que ideas punteiras poidan saír adiante. O representante do proxecto explicou que a día de hoxe non lle foi posible crear unha empresa pola dificultade de executar a idea en canto a soporte económico. “A idea de conservar produtos de alta cociña e poder exportalos sería unha maneira de levar o nome de Galiza e a súa cociña ao exterior para logo atraer turismo”, explicou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG