Luís Bará: "A carta que enviou a Xunta a Fomento polos atascos da AP-9 é como a dos Reis Magos"

Luís Bará
Luís Bará

Pide sancións para AUDASA, que de novo volveu “secuestrar” a milleiros de usuarios e usuarias durante horas polas obras de ampliación de Rande

Luís Bará: "A carta que enviou a Xunta a Fomento polos atascos da AP-9 é como a dos Reis Magos"

O deputado por Pontevedra Luís Bará reclamou a apertura dun expediente de sanción contra AUDASA tras os atascos de horas que soportaron milleiros de galegos e galegas o pasado 27 de setembro debido ás obras de ampliación de Rande, que motivaron o peche dun carril sen que existira por parte da concesionaria información previa para evitar o colapso.

Bará fixo esta reclamación ante a conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez, quen replicou que desde a Xunta se lle remitira unha carta ao Ministerio de Fomento en relación a estes feitos. “Debe de ser a carta aos reis magos”, ironizou o deputado nacionalista, tendo en conta que dúas semanas despois non se recibiu contestación algunha, nin se adoptou ningunha medida compensatoria para os usuarias e usuarios que, unha vez máis, “quedaron secuestrados durante horas por AUDASA con total impunidade”.

O parlamentario pontevedrés lembrou todas as propostas presentadas polo BNG para corrixir estes abusos da concesionaria e corrixir o deficiente servizo que presta na AP9, “servizo de terceira, pero iso si, tarifas de primeira, e cada día 20.000 galegos e galegas soportan a estafa legalizada das peaxes”. Por iso, ademais do expediente sancionador á concesionaria, o Bloque reclama a posta en marcha dun protocolo de actuación para que se abran as barreiras cando as retencións acadan o quilómetro.

Ademais, e tendo en conta os inxentes beneficios de AUDASA, a formación nacionalista pide que se recupere todo o persoal suprimido nas cabinas de peaxe, o que, ademais, redundaría nun mellor servizo.

O caos e o colapso vivido na xornada do 27 de setembro na AP9 alcanzou tamén a PO-551 en Moaña, “de tal xeito que o atasco chegou ata o límite do concello de Cangas”, denunciou Bará,  quen se preguntou pola utilidade da “famosa” comisión creada “ao máximo nivel” con integrantes de Fomento e da Xunta. “Vale para algo máis que para lavarlles a cara polo vergoñento veto ao debate da transferencia da AP9? Na xestión diaria desta infraestrutura vital para Galiza queda claro que non”, concluíu.