Luis Bará: "O carpetazo do PP ao CAR de Lalín deteriora o servizo público de saúde da veciñanza"

Luís Bará
Luís Bará

O deputado nacionalista tilda de “falta de respecto” coa veciñanza que “por sectarismo político” se ignoren as peticións de reunión do Goberno local á Xunta

Luis Bará: "O carpetazo do PP ao CAR de Lalín deteriora o servizo público de saúde da veciñanza"

O BNG responsabiliza ao Goberno de Feijóo de afondar no deterioro do servizo sanitario que reciben os veciños e veciñas do Concello de Lalín, despois de que o PP confirmase no Parlamento que a Xunta non vai construír o centro de alta resolución (CAR), incumprindo o convenio asinado co Goberno local en xaneiro de 2011.

En base a ese convenio, o Concello xa investiu 356.000 euros na adquisición dos terreos para albergar esta infraestrutura sanitaria á que o PP da agora carpetazo.

O deputado por Pontevedra Luís Bará levou este asunto á Comisión de Sanidade onde denunciou que, lonxe de sacar adiante os termos do convenio, “a realidade é que a Xunta do PP está a reducir as prestacións e o persoal sanitario, amortizando prazas de médicos, enfermeir@s e especialistas” no Concello de Lalín.

“Parece que o PP asina os convenios en papel tisú”, ironizou, tras lembrar que ademais da construción do CAR tamén está pendente a posta en marcha dun servizo de hemodiálise ou incrementar o servizo de pediatría, “anuncios que nunca chegaron a materializarse”.

Na súa intervención, Bará foi moi crítico coa actitude da Xunta co Goberno local de Lalín, pendente dunha xuntanza coa Consellería de Sanidade tras ter enviado varios escritos “sen ter recibido resposta algunha”. “É unha burla ao Goberno de Lalín e, polo tanto, ao conxunto da cidadanía deste concello, é incomprensible está actitude de falta de respecto institucional que só responde ao sectarismo político do PP”, criticou o deputado nacionalista.

Bará avanzou que o Bloque non da por perdido este asunto porque considera que os e as veciñas de Lalín teñen dereito a ter unhas infraestruturas e un servizo sanitario de calidade, e volverá a presentar novas iniciativas parlamentarias en defensa dun centro de alta resolución e outras melloras en infraestruturas sanitarias neste concello de referencia na comarca do Deza.