Luís Bará anuncia máis de 30 emendas á Lei de Espectáculos do PP para adaptala á realidade galega

Luís Bará
Luís Bará

Criticou un anteproxecto que non diferencia entre espectáculos con carácter lucrativo e actividades culturais e réximes administrativos distintos  que confundirán a  profesionais, técnicos dos concellos e cidadanía en xeral

No debate do Proxecto de Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas, o deputado Luís Bará anunciou que o BNG presentará máis de  trinta emendas a un  texto con  “moitas carencias” que  debe ser corrixido no trámite parlamentario iniciado hoxe. 

Tras a presentación do anteproxecto, Bará replicou ao vicepresidente, Alfonso Rueda que, unha vez máis,  o Partido popular procedeu “sen transparencia e consenso” e  algúns colectivos da hostalería, salas de  festas e verbenas, explicou o nacionalista, participaron  pero  de “maneira aparente”. Vostedes non aceptaron   as súas  suxestións,  “aplicaron o rodillo e de   67 alegacións, rexeitaron 63” e por outra parte, engadiu, outros colectivos do ámbito musical e audiovisual tampouco foron consultados como, Produtores técnicos de Galiza e organizacións culturais e de música tradicional, afectados tamén pola aplicación desta lei.

O Partido popular leva 9 anos de goberno e non resolveu o  “baleiro normativo” a pesar de contar con competencias  dende o ano 1996 mentres noutras comunidades existe esa regulación. O problema fundamental deste texto, remarcou Bará,  é a “pretensión  de incluír na lei actividades moi diversas e dispares”. Dende o BNG queremos chamar a atencións sobre os espectáculos de carácter lucrativo, doutras activades que non teñen esta natureza polo que o texto debe ser “adaptado á realidade de Galiza”.

Moitos dos espectáculos teñen difícil encaixe nesta lei que ademais conta cunha disposición a modo de “caixón de xastre” para introducir realidades diversas. Dende o BNG tamén consideramos que este apartado é “moi mellorable” sobre todo naqueles espectáculos que congregan e menos de 100 persoas.

Outro dos aspectos que debe ser corrixido é  das relacións cos concellos porque o anteproxecto traslada ás entidades locais competencias da propia Xunta no relativo á ampliación e regulación de horarios, inspeccións e sancións o que resultaría unha sobrecarga para os pequenos concellos. A non ser, dixo Bará, que a previsión sexa encargar a  “determinadas empresas” as inspeccións e así externalizar este servizo.

No texto tamén figura que a Xunta e  deputacións “poderán” prestar apoio aos concellos pero a nós, manifestou Bará “isto non nos vale” polo que propoñemos  que Xunta e deputacións “deberán prestar” esa colaboración ante a imposibilidade dos concellos para asumir esa función.

Finalmente, o nacionalista tamén se referiu ao réxime xurídico de intervención administrativa que ao , ao seu xuízo, presenta grandes “contradicións”, réxime aplicado polos concellos dende o ano 2013 e que agora vostedes modifican na lei o que  provocará “un galimatías de actividades” sometidas a  por diferentes réximes creando “inseguridade xurídica” e máis confusión aos profesionais, técnicos dos concellos e a cidadanía en xeral que non saberán a que réxime  acollerse. Dende o BNG propomos “un réxime único” como tamén reclama a FEGAMP,  concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG