Luís Bará acusa á Xunta de “tapar” as irregularidades da entidade organizadora da capea en Moraña

Luís Bará
Luís Bará

Lamenta que o responsable de Emerxencias e Interior confirme o arquivo do  expediente sancionador contra a entidade organizadora  e concello de Moraña  por un espectáculo de “maltrato animal”

O parlamentario do BNG, Luís Bará formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre os trámites do  expediente sancionador contra a entidade organizadora do evento taurino o pasado 3 de setembro no concello de Moraña, pasados os  tres meses da presentación da denuncia.

Bará lembrou que o 22 de setembro, o director Xeral de Emerxencias e Interior respondeu a unha pregunta do BNG formulada polo propio deputado anunciando que se   abriría un expediente ao respecto porque a Xunta de Galiza non autorizou  o devandito espectáculo taurino. Transcorridos tres meses, dixo Bará, as asociacións que presentaron   a denuncia “non recibiron ningunha información sobre a tramitación administrativa” polo que preguntou  se o espectáculo pode ser considerado  legal ao negar a   Xunta a súa  autorización.

Para o deputado do BNG, a resposta do director Xeral de Emerxencias, Luís Menor confirmando o arquivo do expediente constata a intención da Xunta de “tapar as irregularidades cometidas pola entidade organizadora e do propio concello de Moraña”.

Na súa intervención, o deputado do BNG volveu a denunciar   que o evento taurino do mes de setembro  contou coa asistencia do grupo municipal de goberno e  a alcaldesa de Moraña, circunstancia, que na súa opinión, evidencia que o Partido popular di unha cousa e ao mesmo tempo  fai o contrario “ colaborando e apoiando este tipo de eventos.

Transcorridos tres meses e tras o arquivo do expediente dun feito que cualificou de “grave”, o deputado reiterou que o PP demostra, unha vez máis, a súa “complicidade” coa organización e promoción de espectáculos taurinos alleos á nosa tradición cultural.

Finalmente, o parlamentario do BNG tamén acusou ao Partido popular de non cumprir a lei e destinar fondos públicos a eventos  contrarios á recente lei aprobada para a protección de animais.

Bará insistiu na “ilegalidade” do espectáculo que  non contou nin con servizo médico nin  control para a entrada de menores e que  incide  no “maltrato animal” polo que pediu que estes eventos non sexan autorizados,  fomentados e patrocinados con fondos públicos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG