Luís Bará acusa a Rueda de torpedear a negociación cas traballadoras e traballadores de Xustiza

Luís Bará
Luís Bará

Luís Bará: “É fundamental chegar a acordos para mellorar o funcionamento da Xustiza, precarizada polas sucesivas decisións do Goberno do PP”

O BNG expresa o seu apoio aos traballadores e traballadoras da Xustiza cuxos representantes permanecen pechados na sede da Dirección Xeral da Xustiza para expresar o seu rexeitamento pola falta de vontade da Xunta de chegar a un acordo.

O deputado e portavoz parlamentario de Xustiza, Luís Bará, sinala ao vicepresidente da Xunta como responsable de torpedear os acordos acadados ata o momento: “A actitude de prepotencia e soberbia do vicepresidente Alfonso Rueda está impedindo chegar a un acordo para acabar coas discriminacións salariais e laborais que denuncia o sector a través dúas folgas e das manifestacións con seguimento masivo”, salienta Bará.

“Desde o BNG apoiamos, animamos e alentamos estas reivindicacións, e pedimos que a negociación volva ao Consello galego de relacións laborais porque foi nese marco onde se conseguiron acordos en tres dos cinco puntos que demandan os e as traballadoras,  e onde se lograron avances que foron freados cando as negociacións se trasladaron á Dirección Xeral da Función Pública e, polo tanto, se botaron abaixo eses acordos”, indicou o deputado nacionalista.

Para o BNG “é fundamental que se chegue a acordos para conseguir melloras laborais e salariais, en definitiva, un mellor funcionamento no ámbito da Xustiza que foi precarizado e deteriorado polas sucesivas decisións adoptadas polo Goberno do PP”, concluíu Bará.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG