ORGANIZACIÓN

Homenaxe ás mártires de Nebra como acto de reivindicación nacional

Homenaxe ás mártires de Nebra como acto de reivindicación nacional

O BNG realiza maña 12 de outubro a tradicional homenaxe ás mártires de Nebra como acto de reivindicación nacional fronte á celebración do chamado Día da Hispanidade, que a formación nacionalista non recoñece. A través dun comunicado a toda a militancia e simpatizantes, o Bloque convida a participar subliñando que a pretensión desta conmemoración é “tratar de recuperar para a memoria colectiva de Galiza un episodio de loita e resistencia fronte ao centralismo español”.

O 12 de outubro cúmprese o centenario do asasinato de cinco labregas, -catro mulleres e un home-, por disparos da garda civil, que tamén fería de bala a outras 32 persoas en Cans-Nebra por loitar contra o pagamento inxusto e discriminatorio de impostos ao estado español.

O BNG, xunto con familiares e veciñ@s das vítimas, organiza un acto político nacional de homenaxe e recoñecemento a esta historia de resistencia, silenciada e ocultada, pese á súa dimensión e, ao tempo, denunciar a falsa e interesada idea dun pobo galego dócil e submiso co poder central. Un convite a recuperar, con orgullo, a propia historia. O acto terá lugar en Cans-Nebra (Porto do Son) ás 18.30 horas.