Goretti Sanmartín convida á Xunta a “mirarse no espello” da Deputación da Coruña

Goretti Sanmartín co presidente da Deputación da Coruña
Goretti Sanmartín e co presidente da Deputación da Coruña

“O Plan Único de Concellos é un cambio que veu para ficar, non vai ter volta atrás” , explicou a vicepresidenta, do BNG. 

A vicepresidenta e portavoz da Deputación da Coruña, a nacionalista Goretti Sanmartín, fixo hoxe para os medios balance dos dous anos de goberno xunto co presidente Valentín Formoso.  Na súa intervención Sanmartín convidou á Xunta a “mirarse no espello da Deputación da Coruña para ver camiños polos que avanzar”. Referíase, de maneira especial, ao que chamou “a posta en marcha dun cambio claro de modelo político”, que se materializa, entre outras cousas, na confianza plena na autonomía local dos concellos, na obxectividade no reparto de fondos públicos e na transparencia da institución. 

“A institución provincial tutelaba os concellos e nós optamos por outro camiño, o de acreditar na autonomía local e relacionármonos en pé de igualdade cos municipios, que teñen madurez para tomar decisións”, dixo Goretti Sanmartín referíndose, de maneira especial, ao Plan Único de Concellos que sitúa a Deputación da Coruña á cabeza dun modelo que está a ser seguido por outras institucións provinciais. 

“Impúxose a obxectividade e a transparencia na xestión, como se aprecia no reparto de axudas a concellos e entidades, en que se reduciron ao mínimo as subvencións nominativas e se optou por un modelo onde as subvencións se conceden a través de liñas de concorrencia competitiva, con comisións externas e criterios obxectivos”, dixo, referíndose a outro dos eixos básicos da actuación do goberno da Deputación da Coruña. 

A portavoz do BNG insistiu en que a creación de emprego foi e é un dos obxectivos prioritarios da acción de goberno e en como, desta maneira, ademais do Plan de Emprego Local, deuse unha clara aposta en ámbitos como a contratación de persoal de servizos sociais comunitarios (case 300 persoas), a atención turística (50 concellos), o persoal técnico en museos e centros de interpretación (39 empregos) , a animación e xestión cultural (70 persoas contratadas) ou a través da creación de liñas como a de festivais ou o importante incremento de orzamento da Rede Cultural. 

Os cambios na Deputación evidéncianse, segundo lembrou Goretti Sanmartín, tamén noutros ámbitos como a conmemoración por vez primeira do Día do Orgullo LGTBI, a aprobación dunha ordenanza de impulso do uso da lingua galega, a cesión de obras como “O Discurso” de Díaz Pardo a institucións museísticas ou a apertura ao conxunto da cidadanía, entre outras iniciativas, a través das retransmisións dos plenos. 

Unha Deputación con memoria

“Esta é unha Deputación con memoria”, dixo para se referir ás diversas actuacións de homenaxe ás vítimas da represión en actos como o presidido polas imaxes de López Bouza e Ánxel Casal, presidente e vicepresidente asasinados en 1936, ou o proxecto de investigación Xeración Perdida que revelará os nomes de representantes municipais que padeceron a represión do franquismo. Nese sentido, recordou a figura de Elvira Bao, mestra galeguista presa, que dará nome á residencia universitaria da Coruña, “unha iniciativa que vai facer xustiza por partida dobre, cunha demanda histórica e co recoñecemento dunha figura clave na nosa historia esquecida”. 

Como cuestións que fican abertas de cara ao futuro, Goretti Sanmartín sinalou a necesidade de “retornar para a xestión pública o servizo de bombeiros e avanzar nas transferencias” para o que pediu que a Xunta “debería deixar de poñerse de costas e cooperar para unha planificación máis adecuada e acorde coa Galiza do século XXI”. 

Concluíu afirmando que o goberno está a “traballar por un modelo político que supere a imaxe dunha Deputación a que os concellos viñan pedir. Agora apostamos por unha casa de paredes de cristal, aberta, onde todo o mundo ten que ser escoitado e na que xa non se lembran as vellas prácticas clientelares”, concluíu. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG