Goretti Sanmartín: “O BNG é a forza que máis contribuíu á recuperación da memoria histórica”

goretti_prensa_008

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, presentou a base de datos con trescentos nomes de representantes institucionais que padeceron a represión franquista, a primeira fase da investigación que anunciara despois da homenaxe institucional ás corporacións democráticas do pasado mes de xullo. Desde a Deputación fai un chamamento aos concellos para homenaxear e lembrar cargos municipais que foron vítimas da barbarie franquista.

“O BNG é, sen dúbida, a forza política que máis contribuíu á recuperación da memoria histórica, forma parte dos nosos obxectivos de goberno e iso ficou á vista cando tomamos parte da Xunta, co desenvolvemento por vez primeira dunha política pública da memoria e tamén agora, por exemplo, desde a Deputación da Coruña”, sinala Goretti Sanmartín, despois de presentar a base de datos con 300 nomes de responsábeis institucionais dos concellos que padeceron as distintas formas de represión, resultado do proxecto de investigación “Xeración Perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña”, dirixido por Emilio Grandío.

Na homenaxe desenvolvida no pasado mes de xullo, nun acto presidido polas imaxes de José López Bouza e Ánxel Casal, presidente e vicepresidente da Deputación represaliados en 1936, detectouse, segundo destaca Goretti Sanmartín, “a ausencia dun estudo profundo e rigoroso que botase luz sobre as corporacións que foran asoladas pola represión fascista” e, desde ese momento botouse a andar o proxecto dirixido por Emilio Grandío xunto cun equipo composto por Eliseo Fernández Fernández, Alfonso Iglesias Amorín, Rosalía Regueiro Méndez e Manuel Pérez Lorenzo e que contou tamén coa colaboración de destacados coñecedores da historia local como Juan Sobrino (Eume), Manolo Pazos (Ordes), Henrique Sanfiz (Fene), Carlos Castro (Neda), Bernardo Máiz (Ferrolterra), Xoán Hermida (Barbanza), Xesús Torres (zona de Betanzos), Xosé Luís Rivas (Boimorto) e Luís Lamela (Costa da Morte).

“O que hoxe presentamos é, pois, unha primeira base de datos con nomes de concelleiros e unha concelleira e alcaldes e as formas de represión da que foron vítimas, un total de 300 nomes que dan dimensión dunha traxedia e dunha represión que buscou, entre outras cousas, descabezar o noso país”, explicou Goretti Sanmartín ao tempo que destacou que, de todos os nomes, só 34 non estaban en activo en 1936, o que demostra que “a violencia fascista se cebou nos representantes institucionais que estaban á fronte dos gobernos dos distintos concellos”.

Fixo Goretti Sanmartín especial mención á figura da concelleira de Boiro, Brígida Muñiz, a única muller que aparece na listaxe mais que convida a reflexionar “sobre unha represión aínda máis oculta que é a de todas as mulleres que, coma ela, foron rapadas e humilladas e viron a súa vida truncada despois do golpe militar”.

A vicepresidenta nacionalista destacou na presentación do resultado da primeira fase, que o proxecto “Xeración Perdida” quere ser unha “importante ferramenta que se pon a disposición dos concellos para que poidan facer homenaxes e restituír a memoria de quen nos precedeu nas corporacións municipais que merecen ser lembrados e recoñecidos despois de décadas de silencio”.

A base de datos desvela os nomes de cargos institucionais maiormente anónimos que se completará, ao final do proxecto, coa reconstrución completa das persoas que compuñan as corporacións municipais anteriores a 1936. “A conclusión confirma que a represión quixo decapitar as ideas máis avanzadas, as biografías máis modernas e as persoas implicadas na creación dun mundo mellor e máis igualitario”, engadiu Goretti Sanmartín.

A base de datos pode consultarse na seguinte ligazón.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG