Galiza Nova presenta as 50 medidas para liberar a mocidade galega

Acto Praza 8 de Marzo 1
Acto Praza 8 de Marzo 1
Galiza Nova presenta as 50 medidas para liberar a mocidade galega

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova presentou esta mañá a súa nova campaña “Rebélate, organízate e loita”, que ten como base central as 50 medidas para liberar a mocidade galega. Neste acto celebrado na Praza 8 de marzo en Compostela participou a  viceportavoz parlamentaria do BNG e integrante da Dirección Nacional de Galiza Nova, Olalla Rodil, o Secretario Xeral de Galiza Nova Alberte Fernández e Navia Rivas, Responsábel Internacional de Galiza Nova.

Rodil instou a mocidade a ser protagonista do momento político máis decisivo dos últimos 40 anos e aproveitalo para construír unha Galiza con futuro que non lles ofreza como únicas opcións paro, precariedade ou emigración.

Navia Rivas comezou o acto afirmando que as medidas presentadas por Galiza Nova non responden a un capricho senón á “situación de dependencia colonial e da necesidade de construírmos unha República Galega Independente”. Navia Rivas salientou a irreformabilidade do estado español, afirmando que “as institucións españolas non van deixar de negarnos como nación e estar ó servizo do gran capital”.

Acto praza 8 de marzo 2Estas 50 medidas van encamiñadas á construción dun país “onde teñamos un ensino público e de calidade, onde teñamos un traballo digno e non teñamos que emigrar, onde non suframos violencia machista ou lgtbifobia, onde poidamos vivir plenamente en galego.” Afirmou Navia no seu discurso.

Pola súa parte, Olalla Rodil salientou que compartía co seu auditorio pertencer a unha xeración anterior á aprobación da Constitución, que non tivo voz, nin voto no marco político e institucional do réxime do 78, hoxe esgotado. Para superar este marco, o BNG presentou o documento Bases Democráticas, que afirmou “teñen moito que ver coas 50 medidas que hoxe presenta Galiza Nova” como punto de partida para un gran debate político e social para superar o corsé da Constitución e do Estatuto. No mesmo senso, destacou que o desexo do BNG é “que a mocidade sexa protagonista principal dese debate arredor do futuro político do noso país, que se cuestione se está é a única Galiza posíbel ou se pola contra podemos mudar a situación tendo máis poder político, con capacidade de decisión real sobre todas aquelas cuestións que nos afectan”.

Pola súa parte, Alberte Fernández afirmou que “un réxime que se construíu polas armas e en base da eliminación do diferente” e que celebra no día 12 de outubro a escravización e exterminio de América Latina “ten as mans manchadas de sangue”. Fernández criticou ademais as condicións laborais que sofre a mocidade galega con “xornadas laborais de 14 horas na hostelaría e con salarios miserento” ou a negación do dereito das mozas e mozos galegas a usar a lingua propia. Outro dos problemas que salientou foi a emigración, afirmando que a mocidade se ve obrigada a “ter que mercar un billete só de ida a Londres ou a Berlín deixando atrás familia e amizades por non ter traballo aquí”. O Secretario Xeral de Galiza Nova isntou á mocidade a rebelarse e a “construír a Galiza que soñamos, na que poidamos ser verdadeiramente libres, na que non esteamos condenadas á miseria” así como chamou ao pobo galego a “percorrer o noso propio camiño cara a nosa soberanía, cara a nosa independencia”.