Galiza Nova organiza en Compostela un acto de apoio ao referendo catalán que se desenvolve en Galiza

Contarán coa presenza de Pau Morales, das mocidades ERC, e con Pernando Barrena de Sortu

Galiza Nova organiza en Compostela un acto de apoio ao referendo catalán que se desenvolve en Galiza

A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, organizará un acto de apoio ao referendo de Cataluña do vindeiro 1 de Outubro, que terá lugar na AULA 1 da Faculdade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) o vindeiro martes, 19 de setembro ás 18h.

​ Baixo o título de “A loita pola liberación dos pobos” desenvolverase unha mesa redonda na que participarán o responsábel de internacional de Sortu, Pernando Barrena, Pau Morales Portavoz Nacional das JERC e membro da Executiva de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Navia Rivas membro da dirección de Galiza Nova e do Consello Nacional do BNG.

Este será o primeiro acto de apoio ao referendo catalán que se celebre en Galiza, a menos xa de quince días do 1 de outubro. Segundo os organizadores, trátase de explicar a natureza “fondamente popular, democrática e pacífica do proceso que levou ao 1-Outubro” e de poñer de relevo como “en Cataluña 8 de cada 10 persoas manifestan abertamente o seu apoio ao dereito a decidir, aínda que despois uns opten pola independencia e outros por outras fórmulas”. 

Desde Galiza Nova explican que é o momento de “como nacionalistas, mais sobre todo como demócratas, apoiar con claridade o dereito dos pobos a decidir o seu futuro. Hoxe hai un apoio maioritario en Cataluña a podérense expresar libre e democraticamente como pobo. Esa é a grande lexitimidade do referendo, a que lle dá a propia xente”.

Nesta liña, recalcan que, coa resposta política e represiva dada polo Estado español á vontade maioritaria de celebración do referendo, “constátase a escasa cultura democrática do Estado e a ausencia na práctica da separación de poderes. Non é normal ver como se poñen ás forzas de seguridade ou ás institucións xudiciais ao servizo da persecución das ideas. Poder votar, poder decidir, é o normal nas sociedades democráticas.”