Galiza non pode quedar marxinada ante o inminente cambio constitucional

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Galiza non pode quedar marxinada ante o inminente cambio constitucional

En medio das reaccións dos responsables políticos do Estado ao discurso do presidente de Catalunya, o BNG da por seguro que vai haber un cambio no actual marco institucional e pide aproveitar esta oportunidade para avanzar advertindo contra un inmobilismo que deixaría a Galiza marxinada.

Tras o anuncio de que se vai abrir o melón constitucional, a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, salientou que Galiza ten que buscar a súa propia vía e ser protagonista nese posible escenario. “Galiza ten que ser protagonista, liderar o seu propio futuro e aproveitar esta oportunidade decisiva para todos os pobos, e Galiza non pode quedar inmóbil, non pode quedar marxinada neste horizonte que se abre no Estado español e o BNG loitará para que este país avance e gane dereitos como pobo”, salientou.

Rodil reiterou a posición do Bloque reclamando “política de altura para dar unha solución dialogada ao lexítimo dereito do pobo catalán a decidir o seu futuro, expresado en distintas mobilización e no referendo do 1-0”.

A formación nacionalista reitera que o conflito só ten unha saída: Que o pobo catalán poida expresarse en liberdade e con plenos dereitos democráticos. E o mesmo no caso galego e vasco. O Estado español debe recoñecer a súa realidade e natureza plurinacional e, consecuentemente, aceptar o dereito das nacións que hoxe fan parte del a decidir e a exercer, no seu caso, a plena autodeterminación. De non facelo, o problema político de fondo, lonxe de resolverse, agravarase.

Como forza política galega, o Bloque chama a sumar voces e opinións desde a sociedade en favor do diálogo e dunha resolución pacífica e democrática do conflito político aberto, e sempre desde o recoñecemento pleno do dereito a decidir e da plena capacidade para exercer na práctica ese dereito.