Galiza non pode perder as axudas europeas polo incumprimento dos obxectivos de finanzas públicas

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG denunciou na Comisión de Economía do Parlamento Europeo que as medidas que propón a Comisión Europea sobre a Unión Económica son unha oportunidade perdida e un castigo para moitos Pobos

Galiza non pode perder as axudas europeas polo incumprimento dos obxectivos de finanzas públicas

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, dirixiuse ao Comisario responsable da Comisión de Asuntos Económicos e Financeiros do Parlamento Europeo, Pierre Moscovici, para valorar o paquete de medidas sobre a Unión Económica e Monetaria. Na súa intervención criticou que a Comisión siga mantendo a regra de ouro da austeridade.

Miranda denunciou asemade a falla de lexitimidade da Eurozona e considera que o paquete de medidas que propón a Comisión Europea sobre a Unión Monetaria e Económica “son unha oportunidade perdida despois de varios anos de durísima crise e de reformas estruturais que lastraron a economía e os servizos públicos e provocaron desemprego, precariedade, pobreza e exclusión social”.

A proposta da Comisión Europea inclúe a creación dun Fondo Monetario Europeo e o incremento do orzamento do Programa de Soporte ás Reformas Estruturais, que queda condicionada ao estrito cumprimento das normas orzamentarias e ao cumprimento do déficit. Segundo Ana Miranda, estas esixencias “supoñen un castigo para moitos Pobos, como no caso de Galiza, que leva moitos anos sufrindo os recortes”.

Por outro lado, a eurodeputada do BNG dirixiuse ao Comisario económico do executivo comunitario para demandar que os fondos de cohesión non estean supeditados á condicionalidade económica que impón Bruxelas. Neste sentido, lembrou que a maioría do Parlamento Europeo ten unha posición contraria á condicionalidade macroeconómica dos fondos estruturais.

"As axudas a Galiza non poden poñerse en risco ou verse ameazadas polo incumprimento duns obxectivos de finanzas públicas que poden incumprirse incluso por causas externas”, considerou Miranda, quen na súa intervención alertou de que a Comisión non vai garantir que este programa non se utilizará para promover privatizacións ou a degradación dos servizos públicos.

Lexitimidade democrática

Ana Miranda subliñou que as reformas estruturais “son moi impopulares, e en moitos estados, como o español, carecen de lexitimidade democrática ao non estar validadas polos seus parlamentos nacionais”.

“Como garantirá a Comisión a plena lexitimidade democrática e o consenso social arredor das reformas estruturais que os Estados decidan aplicar así como a participación dos axentes sociais nos seus deseños?”, engadiu a eurodeputada. Para o BNG, coa proposta sobre a Unión Económica e Monetaria avánzase pouco na resposta dos evidentes problemas de gobernanza e falta de lexitimidade democrática da Eurozona.