A fuga de empresas de Galiza e a perda de capital centrará o debate do BNG no vindeiro pleno do Parlamento

Ana Pontón
Ana Pontón
A fuga de empresas de Galiza e a perda de capital centrará o debate do BNG no vindeiro pleno do Parlamento

A portavoz do BNG, Ana Pontón  preguntará ao Presidente da Xunta, no vindeiro pleno,  polo proceso de  “fuga de empresas e descapitalización de Galiza que se agudizou  ao longo dos últimos anos”.

Esta pregunta, dixo, facémola nun contexto moi concreto e despois de facerse pública a  estratexia de chantaxe do Estado ao  pobo catalán  a través da presión exercida sobre as  empresas do IBEX 35 para que trasladen o seu domicilio fiscal, medida que  que ocupou grande parte das informacións dos medios de  comunicación galegos para alertarnos da fuga de empresas de Catalunya.

A FUGA DE EMPRESAS GALEGAS NON SE DEBE AO PROCÉS

O problema que debemos analizar en Galiza explicou a nacionalista, “é a fuga de empresas galegas que se levan producindo nos último anos e que non ten ningunha relación co procés”. Galiza, é a que sofre “unha fuga de empresas e de capital alarmante” que Pontón achacou a “falta de un proxecto de país de Núñez Feijóo e o avance da recentralización política”.

Para a portavoz parlamentaria, a fuga de empresas debe situarse en tres ámbitos, “as que  mudaron de domicilio fiscal ou nunca o tiveron en Galiza pero desenvolven a súa actividade no noso país, un proceso de delocalización agudizado nos últimos anos e a venda de grandes empresas desvinculando o capital galego e converténdoas en empresas foráneas”.

Neste sentido, nomeou a   Citroën e ENCE que   manteñen o seu domicilio fiscal en Madrid, a AP-9 en Bilbao e Fenosa, absorbida por Gas Natural en troques de resarcir a Galiza, traslada a súa sede a Madrid. Outra vía da fuga de empresas,e ngadiu, foi a “liquidación do sistema financeiro”, ERE que rematou converténdose nunha empresa vasca, ou  Conservas Calvo que xa é unha empresa de fora, así  como a pizarreira CUPA, líder mundial de pizarra natural   con capital norteamericano e os  estaleiros RODMAN de propiedade chinesa-angolana.

Pontón salientou o problema da   “deslocalización” das empresas galegas e  que afecta maioritariamente   ao  clúster da automoción  cun terzo de empresas en Portugal.

Ante esta situación, a nacionalista recomenda a Feijóo  empregar “máis esforzo a frear a fuga de empresas e emprego galego e menos esforzo en facer seguidismo do discurso da dereita extrema e do anticatalanismo”.

Sobre o Debate do Estado da Nación celebrado recentemente, Pontón criticou a “falta de medidas” do goberno para crear emprego e frear a fuga de empresas e lamentou que a única medida posta en marcha polo Partido popular sexa a Lei de fomento empresarial, “unha medida fracasada e improvisada” que non solucionará a deslocalización, o emprego precario e os  salarios indecentes e incide “nun modelo desfasado”. Pontón asegurou que esta lei acércanos máis ao modelo empresarial de Guinea Ecuatorial cando hai que apostar por modelos modernos e de futuro como o de Dinamarca polo que pediu a retirada da lei que cualificou de “depredadora”. É necesario, escoitar ao Consello Económico e Social e potenciar o grupo de traballo xa existente na procura doutro modelo que beneficie as nosas empresas.

A portavoz nacionalista  anunciou que o BNG defenderá   o cumprimento da lei de dependencia con da que dixo,  “17.000 dependentes continúan  agardando pola prestación” e a  única resposta do Presidente da Xunta e  que non vai cumprir coa lei. Neste sentido, o BNG proporá  “reclamar ao Estado a  débeda histórica de 150 M€ en materia de dependencia” e que o Estado asuma o financiamento dos servizos públicos no noso País.”

Finalmente, na vindeira sesión plenaria, o BNG tamén  interpelará ao conselleiro de Sanidade sobre o proxecto de lei de Saúde, que conta cun “amplo rexeitamento social” a través de importante mobilizacións contra a supresión das áreas sanitarias en Monforte, A Mariña, O Salnés e Valdeorras. Detrás da supresión das áreas sanitarias, afirmou Ana Pontón,  está “o desmantelamento de servizos e a   legalización  das privatizacións”.