Feminismo para transformar

FEMINISMO PARA AVANZARVan xa 159 anos desde que aquel 8 de marzo de 1857 un grupo de obreiras textís saíse á rúa en Nova York para protestar polas súas condicións laborais. Hoxe en día, esta data reivindica e simboliza a loita incansábel das mulleres do mundo na defensa dos seus dereitos laborais e a defensa da igualdade. As feministas galegas loitamos para avanzar na igualdade real, porque é o noso dereito e porque queremos ser iguais nunha Galiza diferente, nun país que supere o patriarcado.

Esiximos unha Galiza con dereitos laborais reais na que a fenda salarial non exista e na que as mulleres non ocupemos as peores porcentaxes de traballo precario, temporal, parcial ou pseudotraballos sen seguridade social fóra duns límites legais insuficientes e que a administración non vixía adecuadamente. Soñamos unha Galiza con igualdade real tamén no ámbito do traballo non remunerado, na que o reparto das responsabilidades non repercuta negativamente sobre quen agora recibimos a sobrecarga derivada da redución do apoio ás necesidades de coidados coa desculpa da crise económica e da normalización das condutas machistas na contorna social e persoal.

A realidade demostra como as políticas austericidas do PP frearon a posta en marcha de medidas de igualdade, desoíndo as mobilizacións sociais e paralizando o cumprimento do marco legal. Por iso, desde o BNG continuamos a traballar para esixir a elaboración urxente dun Plan galego de emprego feminino que inclúa, entre outras medidas, axudas específicas para a creación de empresas femininas de mulleres con especial atención ás mulleres mozas e ás de máis de 45 anos e a creación dunha Renda de Inserción Laboral para mulleres desempregadas de máis de 50 anos, cunha vida laboral igual ou superior a 30 anos de cotización coas prestacións esgotadas.

Esiximos, tamén, unha Galiza do futuro sen violencia machista. Para avanzarmos como sociedade non podemos permitir nin un feminicidio máis e todo o apoio e denuncia social e institucional das violencias é imprescindíbel para visibilizalas, combatelas e erradicalas.

A forza do feminismo é imparábel, súmate aos actos e reivindicacións das organizacións e colectivos neste 8 de marzo e todo o ano. Feminismo para transformar!

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG