Feijóo preside un goberno “nini”, nin AVE, nin cercanías, nin financiamento, nin transferencia da AP-9...

Ana Pontón
Ana Pontón

Afirma estar feliz de ser incomoda para  Feijóo e recórdalle ao presidente que en democracia o liderado da oposición non o decide el a dedo

No balance de fin de curso político a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón  cualificou o goberno de Feijóo de “nini”: Nin AVE, nin cercanías, nin novo modelo de financiamento, nin tarifa eléctrica, nin novo marco para Galiza como nación, nin unha saída real para a crise. O que si temos, dixo, é “moita pobreza no armario”, un importante medre da precariedade e desigualdades ademais de crecer a “irrelevancia política de Feijóo”.

O ano 2017 foi un ano para Pontón de “oportunidades perdidas” por parte dun presidente sen “proxecto de país” e que só  persegue a anulación política de Galiza como nación. Temos, “un presidente bonsái” agochado detrás da súa maioría absoluta e incapaz de mirar aos ollos a todas esas persoas que padecen a crise económica. Feijóo segue perdendo grandes oportunidades e conduce a Galiza ao vagón de cola mentres noutros territorios están mellorando as condicións económicas, sociais e laborais  dos seus cidadáns.

O  balance do 2017 en termos políticos, dixo,  tradúcese “nun grade recortazo”  en inversión do Estado, retrasos no AVE mentres se acelera o corredor do Mediterráneo, Galiza excluída do corredor atlántico de mercadorías, veto á transferencia da AP-9 e  veto tamén, a dispoñer dunha tarifa eléctrica galega.

Sobre o modelo de financiamento, Pontón  reiterou que a súa parálise provoca que Galiza perda novamente oportunidades e asegurou que a cacarexada saída de crise da que o PP presume non impide  “o grande recortazo” na  sanidade e educación así como o  incremento das privatizacións. Por outro lado afirmou que, resulta lamentable que  o goberno galego non propuxera ningunha nova iniciativa  en materia de igualdade e de loita contra a violencia de Xénero.

A nacionalista avanzou que o BNG fará unha “oposición leal a Galiza” porque  outra “realidade é posible”. E necesario darlle voz as causas xustas e esperanza a toda a xente que quere unha alternativa ao Partido popular e nese sentido, “o BNG sempre estará disposto a traballar para conseguilo”, apostilou.

No balance político non faltaron criticas á política demográfica do PP e ao  problema da emigración da mocidade. Para Pontón o Partido popular converteu a súa maioría “nunha apisoadora” no Parlamento galego e con ela unha  “democracia de baixa calidade”.

Pontón denunciou a “opacidade” na  información e  control ao goberno e puxo como exemplo a comisión de estudo sobre os  lumes  que, segundo a  súa opinión, vai no camiño de converterse nunha “comisión bis e falida” como a das Caixas de Aforros. O PP non ten ningunha intención de mudar a política nin modelo de xestión do noso monte, zanxou a portavoz do Bloque.

O BNG presentou no ano 2017, 1.807 iniciativas e seguiremos facendo presentando propostas de fondo  e  clave de país, concluíu a nacionalista.

ESTOU FELIZ DE SER INCOMODA PARA FEIJOO

 A preguntas dos xornalistas sobre o encontro entre o presidente da Xunta e o secretario xeral del PSdG, Pontón manifestou sentirse “moi feliz de ser incómoda para o Partido popular” e recoñeceu que se Feijóo lle ofrecerá ser a líder da oposición non “marcharía para casa contenta”.  Dende o BNG imos seguir poñendo o dedo en todo aquilo no que o goberno o está facendo “infinitamente mal” e cun presidente que o único carné que ten é o do PP.

A decisión sobre o liderado na oposición non lle corresponde a Feijóo aínda que ao PP “encantaríalle unha Galiza co vello modelo bipartidista”.A maiores, a portavoz do BNG sinalou que o “dedazo dentro do  PP funciona moi ben, pero en democracia non o decide o dedo de Feijóo”.

Pontón declinou valorar a reunión entre ambos políticos  e recalcou que  Feijóo non ten “un dedo máxico para decidir quen é ou non é líder da oposición” e reiterou “ser moi feliz sendo incómoda para Feijóo”.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG