Ana Pontón: "Feijóo é como un Darth Vader que fai perder a Galiza 4.000 M € ao pasarse ao lado escuro de Rajoy"

  • Pide  ao Presidente da Xunta que non acepte a chantaxe de Villar Mir e  manteña o acordo do Parlamento de que as centrais, “nin se segregan nin se venden”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón aproveitou a comparecencia ante os medios de comunicación sobre o balanzo das relacións entre a Xunta e o goberno central para definir a   Alberto Núñez Feijóo como o  Darth Vader da Guerra das Galaxias “que comezou  sendo un Jedi e acabou converténdose ao lado escuro da forza”. Feijóo pasándose ao lado escuro de Rajoy fai que Galiza perda 4.000 millóns de euros ao ano.

A nacionalista explicou que “Feijóo presentouse como unha especie de Jedi galego, pegou carteis coa súa cara por tódolos recunchos e díxonos : Galiza primeiro”. Pero á hora da verdade, cambiou de lado, e vemos que “nin unha soa vez,  é capaz de defender os intereses dos galegas e das galegas porque  o seu lema é:  Rajoy primeiro”.

Esta  estratexia, engadiu, a parlamentaria,   ten un custe moi elevado e vai  hipotecar o noso futuro como pobo. Desde o BNG temos claro que neste momento hai debates abertos co estado que son claves para gañar a partida contra o paro,  a precariedade e sobre todo  para blindar  servizos públicos e dereitos sociais. De como se pechen estes debates, depende o futuro de centos de mozas e mozos en Galiza. “Feijóo condúcenos á irrelevancia política e  a un modelo dunha Galiza precaria e low cost”.

A nacionalista  afirmou que coa  submisión de Darth Vader Feijóo   perdemos  máis de 4.000 millóns de euros ao ano. Perdemos, recalcou,  “3.500 millóns de euros pola súa negativa a defender un concerto económico galego”, pagamos máis de 140 M€ nas peaxes da AP-9, unha “estafa legalizada con peaxes abusivas”, xusto cando Rajoy si que rescata con “caros públicos as radias madrileñas.”

Por outra banda  Pontón lembrou  que as empresas vascas teñen un aforro de máis de 10 M€ pola tarifa vasca mentres que en Galiza,  “Feijóo segue opóndose  a unha tarifa galega”. Pero a guinda   do pastel,dixo,  é o recortazo dos orzamentos do Estado. Xusto no ano que pagaremos máis impostos, o PP aplica “o recortazo do século”, incumprindo con Galiza os seus compromisos e hipotecando proxectos importantes para o noso presente e futuro.

Pontón reta a Feijoo a dicir NON  á chantaxe de  Villar Mir

A portavoz do BNG asegurou que Feijóo ten unha oportunidade de demostrar que defende os intereses de Galiza nun tema vital para unha comarca como a Costa da Morte, “parándolle os pés ao intento de Villar Mir de vender ilegalmente as centrais do Xallas” e que provocará a asinar a acta de despido de 300 traballadores e traballadoras  das plantas de Cee e Dumbría.

Desde o BNG, recalcou, temos claro que Ferroatlántica quere especular cunhas centrais hidroeléctricas, que en realidade son propiedade da Xunta. Hai que deixar claro  que as centrais do Xallas “non son de Villar mir, son de Galiza”, son unha concesión pública vinculada co mantemento do emprego na Costa da Morte.

Feijóo debe “erguer o teléfono e dicirse a Villar Mir e tamén a dirección de Ferroatlántica que as centrais “nin se venden nin se segregan” . A explotación dos recursos hidráulicos xera máis de 35 millóns de euros anuais. Cifra máis que suficiente para cubrir a posta en marcha da planta de carbón vexetal e as actuacións nas fábricas de Cee e Dumbría, mesmo incluíndo o famoso forno 23.

Estamos ante o terceiro  intento de Villar Mir para cometer unha ilegalidade. A Xunta no pasado nunca o autorizou e se a concesión está clara, e  hai sentenzas xudiciais, a que espera Núñez Feijóo para actuar?.

Pontón concluíu reclamando a Feijóo que sexa fiel ao clamor da Costa da Morte e a unanimidade no Parlamento de Galiza. Feijóo   non pode  romper os acordos na Galiza para “ceder as chantaxes dun empresario madrileña que leva gañado  moitos cartos á costa de explotar os recursos naturais no noso país”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG