Parlamento Galego

A falta de control sobre a banca na venda de produtos financeiros pode provocar unha nova estafa colectiva

Montse Prado
Montse Prado

O BNG leva ao Parlamento a falta de control sobre a banca á hora de vender produtos financeiros aos clientes, co risco de derivar en novas estafas colectivas como as vividas nos últimos anos coas venda de preferentes e subordinadas que, a día de hoxe, aínda ten a 10.000 galegos e galegas pendente da devolución de 100M€ dos aforros roubados.

A deputada Montse Prado advertiu que pese aos graves antecedentes de estafas bancarias,  o Estado español aínda non trasladou á normativa española a directiva europea 2014/65 emitida pola Autoridade europea para a seguridade dos mercados (ESMA), cuxa transposición corresponde á CNMV. “Pódese estar xestando unha situación explosiva e deixar na indefensión, de novo, a miles de persoas”, salientou.

Prado indicou que esta falta de compromiso é un problema tamén para os traballadores e traballadoras da banca, “sometidos a unha presión constante para vender produtos bancarios como parte do seu salario e mesmo con risco de ser despedidos senón logran obxectivos”, indicou.

A pasividade da CNMV á hora de trasladar a normativa comunitaria fai que interveñan empresas privadas vinculadas a propia banca, encargadas de certificar que o persoal das entidades teñen a formación acaída para valorar o risco dun produtos financeiros que despois son obrigados a comercializar, “nun evidente conflito de intereses”, indicou Prado.

Neste contexto, o BNG pide que a CNMV  traslade canto antes a normativa comunitaria de protección dos e das usuarias de banca ante a comercialización dos produtos financeiros, e que esa adaptación se leve a cabo negociando cos representantes do cadro de persoal. Finalmente, o Bloque reclama que sexa unha entidade pública a que faga a valoración do risco dos produtos financeiros que as entidades queren vender aos clientes e minimizar o risco de novas estafas bancarias.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG