A Executiva do BNG inicia en Lugo unha ronda de reunións para darlle visibilidade ás demandas locais

Executiva Nacional do BNG en Lugo
Executiva Nacional do BNG en Lugo

Paralizar a privatización dos locais da Tinería e dotar Lugo dun xulgado especial de violencia de xénero, iniciativas inmediatas no Parlamento

A Executiva do BNG inicia en Lugo unha ronda de reunións para darlle visibilidade ás demandas locais

O BNG iniciou en Lugo unha ronda de reunións da executiva nacional “descentralizadas”, que terán continuidade ao longo das próximas semanas polas diferentes cidades e comarcas do país, co obxectivo de darlle unha maior visibilidade aos problemas e as reclamacións locais.

Así, nesta primeira reunión da dirección do Bloque en Lugo, -na que tamén participaron os referentes locais e comarcais-, a portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou dúas iniciativas inmediatas no Parlamento para solicitar a creación dun xulgado especial de loita contra a violencia machista e paralizar a venda dos locais rehabilitados no barrio da Tinería con fondos públicos.

“Lugo é a única provincia que carece dun xulgado contra a violencia de xénero, un servizo moi importantes para que as mulleres conten con persoal cualificado no momento tan difícil en que deciden poñer unha denuncia, e tamén para que se axilicen todos os procedementos asociados a ese grave problema da violencia machista”, explicou Pontón, tras a reunión da executiva nacional.

“Non pode continuar esta situación de discriminación e mesmo de patosismo”, salientou a dirixente nacionalista, quen lembrou o recente pacto contra a violencia machista acadado a nivel estatal, “pero non sabemos se inclúe a creación dese xulgado en Lugo. Non pode pasar nin un só ano máis sen que se fixen fondos para materializar este servizo”, recalcou.

Pontón tamén foi moi crítica coa situación de abandono do barrio da Tinería, “un espazo, corazón da cidade de Lugo, que o PP deixou deteriorar durante nove anos e do que agora quere desfacerse pola vía da privatización”.

“É unha irresponsabilidade o que o Partido Popular quere facer na Tinería e baixo ningún concepto se pode permitir á venda deses locais. Primeiro porque nunca se vai recuperar o que se inverteu que foron cartos públicos e, en segundo lugar, porque a titularidade pública deses espazos permiten poñer en marcha un proceso de dinamización social, de recuperación do barrio, que nunca se poderá lograr se venden estes locais a prezo de saldo”, argumentou.

O BNG vai solicitar na Cámara a paralización inmediata da venda dos locais da Tinería, que haxa diálogo cos grupos políticos, coas asociacións dos e das veciñas. “Ningunha administración despois de investir tantos fondos públicos como se investiron neste barrio, permitirían durante oito anos esta indolencia que fixo que este espazo se fose degradando. Ten que haber diálogo e evitar que continúe o deterioro deste barrio histórico”, instou a portavoz nacional.

Pontón reclama do PP que, “deixe de mirar para outro lado e se tome en serio a recuperación dun barrio emblemático que debería ser o corazón da rexeneración urbana de Lugo, e só é a repetición de erros e exemplo claro de desleixo e de falta proxecto do PP tanto para esta cidade como para o país”, concluíu.