A que espera Feijóo para dicirlle ao imputado Villar Mir que non vai facer caixa coas centrais do Xallas?

Ana Pontón cos traballadores de Ferroatlántica
Ana Pontón cos traballadores de Ferroatlántica
A que espera Feijóo para dicirlle ao imputado Villar Mir que non vai facer caixa coas centrais do Xallas?
  • Galiza non está para pagarlle os favores do empresario investigado pola financiamento ilegal do PP, advirte

“A que espera o señor Feijóo para dicirlle ao imputado Villar Mir que non vai facer caixa coas centrais eléctricas do Xallas?” Con esta interpelación a portavoz nacional, Ana Pontón, pedía ao presidente da Xunta “que non deixe pasar nin un minuto máis” sen parar a pretensión ilegal do empresario tras coñecerse que está sendo investigado nun caso de presunto financiamento ilegal do PP.

A dirixente do BNG tamén pregunta a Feijóo por quen vai tomar partido ante a pretensión da multinacional propiedade de Ferroatlántica de vender unhas centrais propiedade dos galegos e das galegas. “Ten que aclararnos se vai poñerse do lado de Galiza ou do lado do imputado?”, interpela Pontón, “porque o que temos claro no Bloque é que Galiza non está para pagarlle os favores de Villar Mir ao PP”.

Para a formación nacionalista, a imputación do propietario de Ferroatlántica no enésimo caso de corrupción do PP, -caso Lezo-,  revela unha suposta trama de intereses entre o grupo empresarial do agora imputado e o partido do Goberno. E tamén explicaría a inactividade política e o silencio da Xunta e do PPdG ante os reiterados anuncios de Ferroglobe, -mesmo con comunicados oficiais aos mercados internacionais-, en relación a súa pretensión ilegal de venda das centrais do Xallas.

Pontón aposta por unha posición unánime de todas as forzas políticas en defensa dos intereses de Galiza e en defensa do emprego industrial na comarca da Costa da Morte. “Permitir o espolio das centrais suporía asinar a acta de defunción das plantas de CEE e Dumbria, e o BNG non o vai permitir porque non sei que lle debe o PP a Villar Mir, pero Galiza non lle debe nada senón todo o contrario”, concluíu.