Entidades alleas á Xunta certifican o nivel de inglés do profesorado no canto de facelo a escola oficia de idioma

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil denuncia que a Consellería de Educación permite a estas entidades o uso de recursos públicos do centro de formación e innovación (CAFI)

A portavoz de Educación, Olalla Rodil, defendeu no Parlamento que sexan as escolas oficiais de idiomas (EOI) as únicas encargadas de certificar o coñecemento de inglés dos e das docentes, tal é como demanda a Asociación do profesorado destes centros e as organizacións sindicais.

A proposta da deputada nacionalista foi votada en contra polo PP, en liña coa posición da Consellería de Educación que tamén permite esta avaliación a entidades alleas á Administración o que, a xuízo do BNG, vai en detrimento da calidade, posto que as EOI fan unha avaliación das competencias orais e escritas, é dicir, da destreza á hora de falar, ler, escribir, e escoitar. En cambio estas entidades só miden nivel de inglés falado.

Ademais de relegar as escolas oficiais de idiomas, a Xunta, denunciou Rodil, “pon a disposición destas entidades os recursos públicos do centro autonómico de formación e innovación (CAFI). “Esta decisión responde ao interese do PP en acelerar as certificacións, mesmo mermando a avaliación, para lexitimar o seu discurso propagandista de que está a espallar a aprendizaxe de inglés”.

Por contra, “desde o BNG cremos que debe ser o profesorado das EOIs quen avalíe os coñecementos dos docentes, e lamentamos que o PP e Consellería de Educación desoia as demandas da asociación que o representa”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG