A decisión sectaria do PP de anular o concurso eólico fixo perder emprego e investimentos na Galiza

ANAPONTON RP1(1)
Ana Pontón
  • O canón eólico recadado corresponde a parques previamente instalados e, ademais, tería sido compatible co concurso aprobado polo bipartito

O BNG critica que, ademais de anular un concurso eólico perfectamente legal por mero sectarismo ideolóxico do PP, o presidente da Xunta apele ao canon eólico para xustificar unha arbitrariedade que fixo perder a Galiza miles de empregos e millóns de investimento, ademais de provocar un retroceso na posición de liderado que o país tiña en canto a enerxía eólica.

Sorprende a falta de rigor do xefe do Executivo galego cando apela ao canon eólico como gran contrapartida a anulación do concurso, primeiro porque nada ten a ver unha cuestión coa outra, -serían perfectamente compatibles-, como polo feito de que ese imposto se aplica con carácter retroactivo a todos os parques eólicos instalados con independencia do seu ano de posta en funcionamento.

É máis, corrixe o BNG, a práctica totalidade do recadado polo canon corresponde a parques anteriores ao concurso aprobado polo Goberno de Feijóo que, a día de hoxe, apenas ten autorizado un 22% dos megavatios previstos, o que significa que aínda hai menos en funcionamento e operativos.

Ademais, o Bloque advirte do risco de que ese tributo caia nas costas d@s usuari@s, xa que a Lei do Sector Eléctrico contempla que os impostos autonómicos poden repercutirse no prezo da electricidade, o que derivaría na  situación esperpéntica de que os galegos e as galegas asuman un sobreprezo derivado dunha decisión de Feijóo contraria aos intereses dos consumidores.

Consecuencias

A decisión de Feijóo de anular o concurso do Goberno anterior, -co argumento da suposta ilegalidade da introdución da participación pública no modelo-, quedou desmentida polo TSXG que avalou a legalidade do proceso desenvolvido ao abeiro do Decreto 242/2007.

Unha decisión de mero sectarismo do PP que tivo consecuencias moi negativas para  Galiza. Para empezar, supuxo unha perda de tempo que resultou funesta para o desenvolvemento da enerxía eólica en Galiza, que perdeu o seu lugar de líder, os novos proxectos colleron de cheo a crise, con consecuencias evidentes en termos de financiamento, e miles de empregos e millóns de euros en investimento quedaron polo camiño.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG