A construción de estradas ten que ser compatíbel coa preservación do castro de Montealegre en Moaña

montealegre
Ubicacin do castro de Montealegre
  • O BNG pide á Xunta a máxima protección dun poboado con 20.000 pezas clasificadas para a que reclama unha aula de interpretación

A deputada por Pontevedra Montse Prado reclamou no Parlamento galego a protección do castro de Montealegre no Concello de Mos facendo compatible a preservación deste ben patrimonial coa execución de novas infraestruturas, neste caso o desdobramento do Corredor do Morrazo.

Prado lembrou as demandas unánimes do concello de Moaña que reclama “unha análise profunda do castro para que se manteña a integridade do poboado, a realización dunha aula de interpretación e que se aplique a protección acaída a un ben destas características históricas”.

Trátase,  afondou, dun “asentamento castrexo de enorme valor, un dos primeiros en ser catalogado en Galiza, cun concheiro único, con importantes achádegos con 20.000 pezas clasificadas, patrimonio de enorme importancia”. A deputada salientou que “a construción de infraestruturas debe ser compatible coa conservación do patrimonio que reflexa a historia do pobo galego”.

Neste sentido, as explicacións dadas polo goberno no Parlamento en relación a que a afección será mínima non convenceron a Prado, quen expresou o seu temor a que a Axencia Galega de Infraestruturas “se leve por diante” unha parte importante do castro, “e teñamos como última consecuencia a súa desaparición”.

A deputada avanzou que o BNG vai seguir ao lado do goberno local vixiando a preservación deste castro e criticou a actitude dos servizos de Patrimonio da Xunta, “tan esixente con particulares e cos concellos que non sexa do PP e tan relaxados  cando se tratan das obras que promove a Xunta”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG