O BNG leva ao Parlamento as “excursións con cocido” coas que se anunciou un acto contra violencia machista

Anuncio
Anuncio

Anuncios en papel oficial da Xunta promoven unha “excursión” con “breve charla sobre violencia de xénero, xantar con callos e terneira asada, e visita a un centro comercial”

Para o BNG “é inaceptable que se usen recursos de Xunta para promover este tipo de actos tratando dun xeito totalmente banal o tema da violencia machista”

O BNG leva ao Parlamento as “excursións con cocido” coas que se anunciou un acto contra violencia machista

A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, presentará unha iniciativa no Parlamento Galego para que se aclare cal é a implicación da Xunta de Galiza na promoción do acto da Federación Veciña Lucense que tivo lugar no edificio administrativa da Xunta en Lugo o pasado 20 de xaneiro e no que participaron altos cargos do goberno galego. “Desde o BNG pediremos ao Goberno galego no Parlamento que explique como poden rematar fondos públicos e campañas institucionais destinadas a previr e combater a violencia machista convertidas en anuncios publicitarios para visitar centros comerciais e xantar callos” dixo Rodil.

Para o BNG é absolutamente inadmisíbel que o logotipo da Delegación da Xunta en Lugo e a imaxe institucional da campaña dirixida a previr a violencia machista no ámbito veciñal remate anunciando unha "breve charla", un menú e unha visita a un centro comercial. “No BNG queremos saber cantos cartos se destinaron a financiar esta actividade, que parte do 'pack' corre a conta do Goberno e se a Xunta obriga a veciñanza das localidades e comarcas a se desprazar até a cidade de Lugo para visionar un filme sobre violencia machista en vez de aproximar os materiais e as campañas que promove á poboación” afirmou a parlamentaria do BNG.

Así mesmo, o BNG preguntará pola opinión que lle merece á Xunta que as súas políticas rematen promovendo excursións e se este é o obxectivo da campaña de prevención da violencia machista no ámbito veciñal que anuncian a bombo e prato. Desde o BNG lembran que estamos a falar dun dos maiores problemas políticos que temos a día de hoxe. "Non se pode trivializar a violencia machista nin promover excursións veciñais para visitar centros comerciais con ela" concluíu Rodil.