A Confederación Miño-Sil quere privatizar as traídas de augas veciñais

Encontro con representantes das traídas de auga
Encontro con representantes das traídas de auga

Montse Prado reclama á Xunta cambios normativos para garantir que se renovan as concesións “porque as traídas son froito do esforzo comunitario”

O BNG denuncia no Parlamento que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil está vetando a renovación das concesións de traídas de augas veciñas desestimando as peticións das distintas comunidades o que, para a formación nacionalista, agocha un claro intento de privatizar este servizo que existe precisamente polo esforzo das comunidades.

Ante esta situación, a deputada por Pontevedra Montse Prado presentou unha batería de iniciativas na Cámara nas que reclama á Xunta modificacións lexislativas para garantir a renovación destas concesións, “froito e exemplo do compromiso veciñal, do seu traballo e achega económica, un esforzo comunitario para ter un servizo que a Administración non facilitaba”, indica na proposición non de lei rexistrada no Parlamento para o seu debate.

Prado, recolle os “múltiples atrancos” que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil está a poñer a diversas comunidades de montes, en particular no Baixo  Miño,  ao longo dos últimos meses que conclúen coa negativa á renovar estas concesións formalizadas e legalizadas na década dos anos oitenta.

“Son traídas que están legalizadas, que cumpren con todos os requisitos legais, análises, rede, tubaxes, cloración correctos, e que regularmente reciben subvencións para levar a cabo o cometido de subministrar auga á veciñanza”, argumentou a deputada nacionalista. Esta negativa a renovar as autorizacións “está a crear malestar e preocupación entre os veciños e veciñas, porque se lles quere ilegalizar un servizo comunitario”, critica Prado, quen reclamou da Xunta “un rápida intervención” ante esta situación.

O Bloque traslada esta cuestión ao Parlamento, tal e como se comprometeu tras reunións previas con representantes dos e das afectadas por este veto da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, incluída unha xuntanza mantida coas comunidades das traídas de augas no Concello de Tomiño, na que tamén participou a portavoz nacional, Ana Pontón, ademais da propia deputada e a rexedora Sandra González.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG