Carballo reforza a súa aposta polo festival de arte cunha nova edición do Rexenera Fest

Rexenera Fest
Rexenera Fest

Carballo dobra a aposta polo seu festival de arte urbana. Se nas edicións de 2015 e 2016 foron cinco, o Rexenera Fest 2017 (do 29 de maio ao 4 de xuño) ofrece 9 espazos de gran formato e estratéxica localización no rueiro para que desenvolvan a súa creatividade outros tantos artistas de renome internacional: o italiano Jorit na gasolinera da rúa Luís Calvo; o cambrés Yoseba MP, na Vila de Negreira; a arxentina Animalito Land, na Río Anllóns; o coruñés Sekone, na Alexandre Bóveda; Saturno, o barcelonés de Malgrat de Mar afincado en Los Ángeles, no Fórum; o mexicano de Michoacán, Curiot, na Gardenias; a coruñesa Iria Fafián, na Doutor Fleming; a barcelonesa Cita Vidal, Vázquez de Parga, e o pontevedrés Isaac Cordal erguerá unha instalación escultórica na rúa Saúde. A obra carballesa de Cordal resume tamén a ambición do Concello, que quere que o Rexenera Fest se abra a outras disciplinas artísticas e non sexa un monográfico de pintura mural.

Nove creadores e nove propostas, case todas diferentes, aínda que varios dos acondicionamentos que o público poderá ver desenvolverse en vivo están moi próximos ao hiperrealismo, como outros se achegan á ilustración. En calquera caso, todos están a crear as condicións para que en Carballo estoupe outro big bang de cor ao longo desta semana.

O festival inclúe dúas master class que desenvolven a súa parte práctica na vella estación de trolebuses, convertida nestes primeiros días de festival nun escaparate de mulleres que fan historia dende o ámbito local ata o internacional. A programación do Rexenera Fest 2017 complétase coas microconferencias do sábado 3 (tres, no canto das dúas do ano pasado), no Forum, ás 17.30; co concerto do festival, tamén o sábado, ás 22.00, na Praza do Concello, e no que actuarán Igmig, Alto Asalto, 2 Pasos e Thomas Dylan; e coa ruta guiada por todos os murais desta edición e algún das edicións pasadas, o domingo, ás 17.00, saída desde o Forum.

O Rexenera Fest, sinala Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, forma parte “desa estratexia de transformación urbana, de modernización urbana, e tamén representa perfectamente a vocación da street art de que a arte non a hai que pechar entre catro paredes, senón que unha desas catro paredes ten que estar permanentemente exposta ao exterior e ao público.”

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG