O BNG trasladará ao Parlamento as demandas da Rede Galega contra a Pobreza e Exclusión

Reunión BNG- Rede Galega contra a Pobreza
Reunión BNG- Rede Galega contra a Pobreza
O BNG trasladará ao Parlamento as demandas da Rede Galega contra a Pobreza e Exclusión
  • Ana Pontón e Montse Prado anunciaron que rexistrarán as iniciativas parlamentarias destinadas a modificar a RISGA para poder beneficiar a un novo perfil de persoas pobres derivados da crise

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e a deputada, Montse Prado mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes da Rede Galega contra a pobreza e exclusión, na que se comprometeron a trasladar á Cámara galega as demandas desta organización e a colocar “de maneira central” a situación da pobreza na axenda política e nas iniciativas parlamentarias.

A deputada Montse Prado anunciou que o BNG reclamará no Parlamento a diagnose real da pobreza e censurou que a Xunta de Galiza non facilite os datos reais nin un “censo” da situación ao que sumou a “dispersión e problemas burocráticos” para que os afectados e afectadas accedan ás axudas. A nosa primeira demanda, dixo, será “axilizar os trámites” así como as modificacións lexislativas necesarias para que a lei de Exclusión e a RISGA acolla unha nova tipoloxía de persoas que son demandantes na actualidade con emprego pero con percepcións  tan baixas que non lles permite afrontar as súas necesidades e que na actualidade están “excluídas” desta axuda.”É necesario modificar a lei para que esas persoas conten cunha renda mínima que lles permita desenvolver a súa vida”.

O BNG, recalcou Prado, “comprometémonos a traballar nesta liña” ao igual que na defensa da infancia ou de familias monomarentais  nas que as mulleres con nenos ao seu cargo están atravesando unha situación económica “moi difícil”.

Montse Prado afirmou que a situación de pobreza en Galiza é preocupante coa  cifra de 700.000 persoas afectadas por  pobreza e exclusión e de “especial gravidade”, as 132.000 persoas en “risco de pobreza severa”. A deputada indicou que tras o análise da situación, os representantes da Rede Galega contra a pobreza e o BNG coincidiron no alto número de persoas que a pesar de recibir un salario  vénse impedidas para cubrir as necesidades básicas de vivenda, subministro enerxético, sanitarias ou de alimentación adecuada.