O BNG súmase ás reivindicacións do colectivo de persoas trans

O BNG súmase ás reivindicacións do colectivo de persoas trans

A visibilidade das persoas trans segue a ser tan necesaria como sempre para contribuír a superar os prexuízos e a discriminación presentes na sociedade que denegan a cada un/ha o dereito de ser quen é en total liberade e respecto e a vivir con dignidade.

Para que ningunha persoa trans máis teña que pasar polo sufrimento que levou Ekai, de 16 anos, a se quitar a vida en Euskal Herria a principios do ano, pois non son suicidios: son asasinatos sociais.

Así, seguimos a denunciar a patoloxización das persoas trans e a transmisoxinia que sofren en especial as mulleres trans e pulamos pola aprobación dunha verdadeira lei galega que vela pola proteccións dos dereitos de todo o colectivo LGBT que supere a Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia que non é máis que papel mollado.

Polo tanto, para garantir a despatoloxización e a verdadeira inclusión social das persoas trans, apoiamos a aprobación de leis trans específicas asesoradas polos colectivos trans, tanto na Galiza como no estado. Sirva como exemplo a Lei integral trans galega apoiada polo BNG no Parlamento de Galiza en maio de 2017 e lamentabelmente rexeitada pola maioría parlamentaria do PP.

Desde o BNG, rexeitamos calquera forma de transfobia e desde o Grupo de Traballo LGBTI do BNG estamos comprometidos a traballar man na man co colectivo trans e as organizacións LGBT para crearmos unha Galiza segura para todas e todos, independentemente do seu xénero ou a súa sexualidade, exixindo dereitos básicos como o dereito a ter un nome, a camiñar pola rúa sen medo, ao traballo, á vivenda, á saúde e ao benestar.