O BNG súmase á campaña de recollida de sinaturas da Plataforma Mina Touro-O Pino Non

O BNG en contra da mina Touro-O Pino
O BNG en contra da mina Touro-O Pino

Concelleiras e concelleiros de Touro e O Pino, pero tamén de Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Arzua, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Vila de Cruces, A Estrada, Pontecesures, Catoira, Vilagarcía, Vilanova, A Illa de Arousa,  Cambados, Sanxenxo e O Grove fan unha visita protesta á antiga mina de Touro-O Pino

O BNG súmase á campaña de recollida de sinaturas da Plataforma Mina Touro-O Pino Non

O BNG realizou unha nova mobilización contra a mina de Touro nesta ocasión cunha visita-protesta á propia mina que congregou a unha nutrida representación de concelleiros e concelleiras dos municipios afectados por este proxecto de megaminería, que afecta aos concellos de Touro e O Pino, pero tamén ten efectos directos nos concellos limítrofes e da comarca de Compostela e nos municipios regados polo río Ulla que soportaría de cheo a afectación por metais pesados.

Neste contexto, unha ampla representación de responsables municipais nacionalistas dos municipios afectados realizaron unha visita á propia mina, na que tamén participou o deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas. Ademais, dos portavoces en Touro e O Pino, asistiron representantes dos concellos de Teo, Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Arzúa, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Vila de Cruces, A Estrada, Pontecesures, Catoira, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa,  Cambados, Sanxenxo e O Grove.

Concelleiras e concelleiros da conca do UllaO deputado Xosé Luís Rivas instou á Xunta a escoitar o “clamor social” contra este proxecto de megamineria contaminante “colonial e espoliador”, que suporía a desaparición de miles de hectáreas de terras agrarias produtivas e que mesmo afectaría á conca do Río Ulla co corresponde impacto nos bancos marisqueiros da Ría de Arousa. “Estamos falando dun novo Corcoesto, e non se pode permitir”, indicou o deputado.

Con esta visita de protesta á mina, que congregou a unha ampla representación municipal do BNG, a formación nacionalista alerta sobre un proxecto de reapertura da mina que implica a ampliación de 2.000 hectáreas e 120.000 quilómetros cadrados para facer investigación. 

Para dar unha idea do impacto ambiental, económico e social no territorio, o proxecto ampliado significaría 2.000 voaduras ao ano, o tránsito continuo de camións de alto tonelaxe, balsa de lodos ao lado das casas filtrando contaminación ás augas e ao terreo e con perigo directo para as vivendas. E todo nunha área con forte actividade agrogandeira que, ademais, está logrando incorporar xente moza.

Regato contaminadoDe feito, trinta anos despois do seu peche, aínda son visibles os efectos derivados da explotación da mina orixinal,  -que agora se quere reabrir e ampliar-, como se aprecia nas augas dos regatos que verten no Ulla, que seguen rexistrando unha altísima contaminación de metais pesados.

Precisamente, a contaminación que soportaría o Ulla fai que o problema medio ambiental, de destrución do tecido económico e de emprego se traslade a outros concellos e afecte á actividade pesqueira e marisqueira nunha parte das rías galegas.

O BNG, que se suma tamén á campaña de recollida de sinaturas iniciada pola Plataforma Mina de Touro-O Pino NON, quere alertar con este acto da dimensión que se esconde detrás do proxecto de megaminería, “auténtica bomba para o medio ambiente”, que afecta e miles de veciños e veciñas, que pon en risco miles de empregos na agrogandería e na pesca e marisqueo.

Mina NONA formación nacionalista está convencida de que será posible ganar esta batalla, como antes se ganaron outras grazas á mobilización social e política. “Paramos Corcoesto e seremos capaces de parar este proxecto en Touro-O Pino que reproduce o mesmo modelo de espolio dos nosos recursos naturais, cunha multinacional mineira que leva a riqueza fora e deixa aquí a contaminación”, salientou Rivas.