O BNG solicita o apoio do Consello da Avogacía Galega para reclamar un xulgado de violencia machista

Recollida sinaturas para solicitar un xulgado de violencia machista
Recollida sinaturas para solicitar un xulgado de violencia machista

O BNG continúa coa campaña de recollida de sinaturas para que todas as veciñas e veciños poidan ser partícipes desta demanda social máis necesaria que nunca

O BNG solicita formalmente unha entrevista co recentemente elixido presidente do Consello da Avogacía Galega, o lucense Félix Mondelo, para tratar de recabar o apoio do colectivo da avogacía para que Lugo conte cun xulgado específico de violencia de xénero

A concelleira do BNG no concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou que o BNG solicitará formalmente unha entrevista co recentemente elixido novo presidente do Consello da Avogacía Galega, o lucense Félix Mondelo, para tratar de recabar o apoio do colectivo da avogacía e que Lugo poida contar conte cun xulgado específico de violencia de xénero. O BNG continúa coa campaña de recollida de sinaturas para que todas as veciñas e veciños poidan ser partícipes desta demanda social máis necesaria que nunca.

“Queremos contar co colectivo da avogacía, coñecer a súa opinión, e recabar o seu apoio para que Lugo teña un xulgado con persoal formado que permita unha atención ás vítimas de violencia de xénero” dixo Maite Ferreiro que engadiu “as avogadas e avogados tamén teñen un papel fundamental á hora de atender as vítimas en todo o proceso xudicial e extraxudicial por que nas súas mans está o asesoramento xurídico”.

Maite Ferreiro indicou que “este Consello vela polo correcto exercicio da profesión e é o máximo interlocutor perante a administración e a sociedade por iso queremos abrir unha interlocución en relación a situación que se vive nos xulgados de Lugo en relación aos casos de violencia de xénero”. Como máximo representante da profesión en Galicia, o Consello ocúpase de coordinar a acción dos Colexios de Avogados de Galicia, exercer o control deontolóxico dos seus membros, organizar o servizo de orientación xurídica e a quenda de oficio e procurar a formación continuada dos profesionais.

O Consello da Avogacía Galega, creado en 1993, é o órgano superior da administración colexial da avogacía galega, aglutinando a tódolos Colexios de Avogados de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo. Ten por obxecto agrupar e coordinar os distintos colexios integrados, e asumir a súa representación en cuestións de interese común profesional, no ámbito galego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG