A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón asegurou que a creación da comisión de estudo sobre a vaga de lumes “non pechará o debate dos incendios” e reclamou unha comisión parlamentaria “con garantías, sen vetos e que depure responsabilidades” por que de non ser así, dixo, a comisión “será inútil”.
Por outra parte, anunciou que na vindeira sesión plenaria, o BNG defenderá unha moción con 15 propostas para un novo modelo forestal e contra a “política pirómana” do Director xeral de Ordenación forestal da Xunta de Galiza, Tomás Fernández Couto, na actualidade investigado por “prevaricación” na contratación de helicópteros contra incendios. Ademais, o BNG tamén proporá retirar a ENCE da Mesa forestal e unha moratoria na plantación de eucaliptos.