O BNG rememora voda Marcela e Elisa e pide sancións contra ataques homófobos

Recreación da voda de Marcela e Elisa
Recreación da voda de Marcela e Elisa

Rodil: “Non queremos armarios e non queremos que ninguén se vexa discriminada por  algo tan fermoso como amar libremente”

Acto simbólico do Bloque que rememora a voda de Marcela e Elisa 116 anos despois como homenaxe e para dar visibilidade a este colectivo

O BNG rememora voda Marcela e Elisa e pide sancións contra ataques homófobos

O BNG escolleu a Igrexa de San Xurxo na Coruña para rememorar, 116 anos despois, a primeira voda entre dúas mulleres, Marcela e Elisa, como acto simbólico de homenaxe e para visibilizar a todas as persoas do colectivo LGTBI, ademais de reclamar, en véspera do Día do Orgullo, igualdade de dereitos para todos e todas, sen discriminación algunha por razón de sexo ou de orientación sexual.

“Lembramos este feito polo que supuxo de rebeldía destas dúas mulleres valentes”, indicou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, que oficiou de madriña xunto coa portavoz municipal, Avia Veira. “Houbo pasos adiante, pero aínda queda moito por facer para conseguir unha sociedade verdadeiramente libre e sen LGTBI-fobia”, indicou.

Para empezar, o Bloque anuncia que vai apoiar a proposta de Lei de identidade de xénero redactada e presentada polas persoas deste colectivo en Galiza, que será debatida no vindeiro pleno, “convidamos ao PP a que vote a favor da súa toma en consideración”, reclamou Rodil, porque recolle entre outros aspectos, “a despatoxilización da transexualidade”. Igualmente, a formación nacionalista demanda o desenvolvemento da Lei para a non discriminación das persoas LGTBI aprobada en 2014.

“Esta lei ten que incorporar sancións que acaben coa impunidade dos ataques homófobos ou de odio cara as persoas pola súa identidade de xénero ou opción sexual”, reclamou a deputada. O Bloque tamén propón incorporar formación en materia de diversidade sexual á función pública, especialmente nas forzas de seguridade, xudicatura ou profesorado, “que axudaría a acabar coa discriminación”, e loitar con máis eficacia, por exemplo, contra o bulling homofóbico na escola.

Entre as medidas a favor da igualdade real de todas as persoas LGTBI, o BNG tamén propón recuperar a función coa que foron creados os centros Quérote, -agora Quérote+-, cuxo obxectivo cando se puxeron en marcha en 2009 era prestar formación e información de proximidade en materia de sexualidade e afectividade, sobre todo á xente moza.

“Queremos unha sociedade libre de calquera discriminación por razón sexual ou de identidade de xénero, non queremos armarios, e non queremos que ningunha persoa se vexa limitada ou discriminada por algo tan fermoso como é amar libremente”, concluíu Rodil.

Neste acto simbólico, a portavoz municipal Avia Veira, reivindicou “A Coruña libre que representaron Marcela e Elisa”, fronte a esa outra Coruña de quen se ausentou no Senado para evitar votar a favor da Lei de matrimonio entre persoas do mesmo sexo, en relación ao ex rexedor Francisco Vázquez.

Igualmente, o coordinador da Comisión LGTBI do Bloque, Neil Baxter, subliñou a necesidade de tomar medidas contra a impunidade das agresións que sofren as persoas LGTBI, “que vemos a diario como a última denunciada por dous mozos no Concello de Forcarei mentres preparaban a celebración do Orgullo nesa vila, ou o recente artigo publicado na revista de empresarios de Sada”.