O BNG reclamará no Parlamento máis apoio para atender ás persoas afectadas por dano cerebral adquirido

Reunión coa equipa de dirección do centro Sarela
Reunión coa equipa de dirección do centro Sarela

Ana Pontón visita as instalacións do  centro SARELA, entidade sen ánimo de lucro  e referente na atención a persoas afectadas de dano cerebral adquirido, (DCA). O centro presta apoio psicolóxico, terapéutico de sensibilización e reinserción social  na área sanitaria de Santiago de Compostela

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o portavoz municipal de Santiago, Rubén Cela,  visitaron  á sede da entidade social SARELA, un  referente na área sanitaria de Compostela en atención a persoas con dano cerebral adquirido (DCA). A entidade promove o coidado, asistencia, protección e  defensa dos dereitos destas persoas e das súas familias, así como a súa reinserción social e laboral.

EN GALIZA 35.000 PERSOAS PADECEN DANO CEREBRAL ADQUIRIDO

Tras ser recibida pola directora, Rocio García e os presidentes da Federación galega e española de Dano cerebral,  José Balboa e Luciano Fernández, a portavoz do BNG  manifestou o seu compromiso de trasladar ao  Parlamento galego  o debate sobre un problema que afecta en Galiza a 35.000 persoas e que cada ano suma 7.000 persoas máis, maioritariamente por accidentes de tráfico ou laboral.

Pontón insistiu que a  sensibilización é fundamental pero sobre todo hai  que reclamar a implicación   das administración públicas  “de maneira integral” para abordar os  problemas derivados do dano cerebral adquirido “cunha  atención específica”. Dende o BNG, dixo,  recollemos esta demanda  e  comprometemos a levar ao Parlamento o debate e a súa  visibilización.

Centro SarelaO ESTADO DÉBELLE A XUNTA 150 M€ PARA DEPENDENCIA

Moitas das persoas con dano cerebral adquirido teñen como consecuencia unha discapacidade e somos conscientes dos problemas derivados das listas de espera ao   que a portavoz do BNG, sumou as dificultades  das persoas dependentes que non teñen cubertos os dereitos que lle recoñece a lei. Neste sentido,  denunciou que “o Estado débelle á Xunta de Galiza 150 Millóns” de euros e esa cantidade, explicou  son recursos para atender a persoas dependentes. O Goberno “ten que reclamarlle ao Estado esta cantidade”.

Tras visitar o centro, que conta con  18 anos de experiencia e 23 profesionais, (logopedas, psicólg@s, fisioterapeutas...), a portavoz do BNG afirmou que hoxe máis que nunca é necesaria unha estratexia galega para que as  persoas con dano cerebral adquirido   conten de maneira  integral con “atención sanitaria, psicolóxica, de reinserción social e laboral”. Temos que ser “sensibles”  e “non poñer máis barreiras” para que as persoas con  dano cerebral adquirido  conten cos recursos que precisan.

A portavoz do BNG reiterou o seu compromiso  a trasladar ao Parlamento galego a problemática do DCA e reclamar  un maior apoio da Administración pública para  as persoas que requiren desta atención.  

Ana Pontón recolleu as demandas do equipo de dirección do centro SARELA relativas a necesidade de crear un xestor de caso, estudos sobre o dano cerebral adquirido, incrementar o número de fisioterapeutas e logopedas en Santiago e comarca, unha  maior axilidade nas valoracións de discapacidade intelectual e enfermidade mental e sobre todo denunciar “os copagos”  para acceder aos centros de día e transporte.

A portavoz do BNG felicitou á equipa que dirixe o centro SARELA  polos resultados nos tratamentos e atención das persoas afectadas de dano cerebral e o traballo que realiza o centro coas  familias dos doentes porque non só hai persoas afectadas de DCA, “a doenza afecta tamén a familia na súa totalidade”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG