O BNG reclama á Xunta un plan para recolocar as traballadoras do téxtil da comarca de Ordes

mini
  • “Hai que darlle alternativa a 400 mulleres que se deixaron a pel amarradas a unha máquina”, indicou Rivas en referencia ás empresas Viriato e Deus

O deputado pola Coruña, Xosé Luís Rivas, reclamou da Xunta un plan de reactivación do emprego na Comarca de Ordes para darlle unha alternativa laboral a máis de 400 mulleres que perderon o seu emprego ou están a punto de perdelo no sector téxtil, primeiro co peche da empresa Viriato e agora co ERE no Grupo de empresas DEUS.

“Estamos a falar de 400 ou 500 mulleres que, en moitos casos era o único salario que entraba na familia dentro desta crise que non cesa por máis que o diga a propaganda oficial, e sería ben que se tomasen en serio a Comarca de Ordes porque co declive do sector téxtil está empezando a ser carne de emigración”, indicou Rivas, quen ademais lembrou o esforzo das traballadoras por soster un, antano, puxante sector.

“Son zonas rurais boiantes onde estas traballadoras, e os que vivimos alí durante trinta anos o sabemos, deixáronse a pel e as costas amarradas a unha máquina, e iso vale cartos e vale interese por parte do Goberno”, alegou o deputado.

Rivas levou este asunto ao Parlamento toda vez que, despois do peche de Viriato, agora é o Grupo de empresas DEUS con 200 traballadoras e provedor entre outros do Grupo Inditex, o que está inmerso en pleno expediente de regulación de emprego que prevé o despedimento de 107 traballadoras e 72 reducións de xornada.

O Bloque, que valorou a reunión anunciada polo conselleiro de Industria co comité de empresa de DEUS, pediu tamén ao departamento de Francisco Conde, un maior control e supervisión das axudas concedidas a estas empresas, “porque moitas veces foron para engordar as contas duns empresarios irresponsables e malos xestores”.

“É hora de dar protección ás traballadoras e buscarlle alternativas laborais para o case medio millar de mulleres desempregadas na Comarca de Ordes no sector téxtil”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG