PARLAMENTO GALEGO

O BNG reclama á Xunta a cobertura de todas as prazas vacantes na sanidade a través dunha oferta pública de emprego

Montse Prado reúnese con CIG saúde
Montse Prado reúnese con CIG saúde
O BNG reclama á Xunta a cobertura de todas as prazas vacantes na sanidade a través dunha oferta pública de emprego
  • Prado salienta que sentenza do TXUE cuestiona a política de contratación levada a cabo polo goberno de Feijóo desde o SERGAS

O BNG reclama do SERGAS a elaboración urxente dun catálogo onde se identifiquen todas as prazas estruturais cubertas con nomeamentos temporais e proceder á súa cobertura mediante nomeamentos por interinidade seguindo a prelación estabelecida nas listas de contratación, e a que realice unha convocatoria de oferta pública de emprego co 100% das prazas vacantes reais en todas as categorías profesionais.

A proposta, formulada pola deputada Montse Prado como portavoz de sanidade na anterior lexislatura, prodúcese tras o encontro con representantes da CIG saúde para analizar as consecuencias da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE (TSXUE), que cuestiona a política laboral do SERGAS.

O alto tribunal comunitario fixo pública a finais de setembro unha sentenza sobre a sucesión de contratos temporais para cubrir prazas estruturais, ditaminando que esa práctica vulnera a normativa europea.

“É evidente que a Xunta ten que dar unha solución inmediata a esta situación, na que se garantan os dereitos individuais d@s afectad@s, mais tamén o respecto á orde de nomeamentos pactada onde se recoñece a premisa de igualdade, mérito e capacidade”, salientou Prado na xuntanza.

O texto da sentenza recolle expresamente que “a renovación de contratos de duración determinada para cubrir necesidades permanentes non está xustificada, na medida na que tal utilización oponse á premisa de que os contratos de traballo de duración indefinida constitúen a forma máis común de relación laboral”.

A diagnose do BNG é que esta política laboral dificulta a prestación do servizo, supón sobrecarga asistencial, precaridade e afonda nas privatizacións.

Mal endémico

A sentenza condena ao Estado español polo sistema de contratación no ámbito da sanidade pública e recoñece a existencia sistemática de abusos e fraudes, ademais de cualificar de “mal endémico” a cobertura de postos na sanidade mediante contratos temporais para cubrir necesidades permanentes, a pesares do déficit estrutural de postos de traballo.

Esta sentenza ratifica tanto as denuncias como as petición de rectificación da política de persoal do Sergas, realizadas polo BNG, salienta Prado.

“O BNG ten denunciado en múltiples ocasións que a Consellaría de Sanidade leva a cabo unha política de persoal que precariza e destrúe emprego público, cunha taxa de reposición que ano tras ano elimina persoal do SERGAS”, denuncia a deputada electa. “A escasa convocatoria de prazas nas ofertas públicas de emprego hai que engadir que tampouco autorizan contratos estábeis de interinidade. Isto implica que o persoal, para cubrir o mesmo posto, asine múltiples contratos”, conclúe.