DÍA MUNDIAL EN LEMBRANZA DAS VÍTIMAS DE SINISTROS DE TRÁNSITO

O BNG reclama para Galiza plenas competencias para mellorar a seguranza vial

Autoestrada
Autoestrada

Considera fundamental todas as actuacións en materia de concienciación, denuncia e reivindicación en seguridade vial no que se enmarca o acto no concello de Pontevedra con Stop accidentes

No Día mundial en lembranza das vítimas de sinistros de tránsito, o BNG reclama plenas competencias para poder mellorar a seguranza nas redes viarias galegas  e considera fundamental todas as actuación en materia de concienciación, denuncia e reivindicación en materia de  seguridade vial no que se enmarca o acto levado a cabo hoxe no concello de Pontevedra coa asociación Stop accidentes.

O  20 de novembro conmemórase o Día mundial en lembranza das vítimas de sinistros de tránsito, data que diversas organizacións sociais aproveitan para pór o foco na necesidade de que a seguranza vial sexa tamén unha prioridade política e para exixir medidas efectivas que permitan reducir o número de accidentes e de persoas falecidas. Neste sentido, o portavoz de ordenación do territorio e deputado por Pontevedra, Luís Bará lembra que en Galiza entre os meses de xaneiro a setembro do ano 2016 producíronse 57 vítimas mortais así como  un alto número de feridos. Accidentes, dixo que se incrementan ano a ano e representan  un drama humano de “enorme dimensión” que exixe “responsabilidade da cidadanía, máis tamén actuacións eficaces das administración públicas”.

Dende o BNG, manifesta o parlamentario, reclamamos implantar de “maneira urxente” medidas que contribúan a frear a sinistralidade nas vías galegas e para iso, recalcou, hai que mellorar as condicións da nosa rede viaria, sobre todo a secundaria, atendendo especificamente á modificación desta para suprimir os puntos negros de accidentes.

Na liña de mellorar a seguranza viaria é preciso: desviar o tránsito dos núcleos de poboación. Nas cidades, limitar a 30 a velocidade máxima nos viais urbanos, seguindo o exitoso exemplo do Goberno Municipal do BNG en Pontevedra, esencial para reducir o número de peóns atropelados. Atender de maneira especial  a seguranza para a circulación de ciclistas, con espazos específicos para a circulación segura de bicicletas, tanto en vías urbanas como interurbanas así como a seguranza para  a circulación de ciclomotores e motocicletas con  sistemas de protección para motoristas (SPM) en todas as barreiras metálicas (gardarraís). Os SPM instalados deben contar coa certificación de seguridade do máximo nivel, é dicir, clase 70, nivel I. Ademais, deberá ser usada pintura antideslizante nos pavimentos para garantir a seguridade e substituír, progresivamente, toda a existente que non o sexa.

O parlamentario do BNG apela á educación para avanzar na seguranza nas estradas e vías   polo que  propón incorporar aos programas educativos unha materia de seguridade vial en todos os niveis do ensino.

O Bloque Nacionalista Galego anima a todas as galegas e galegos a participaren nos actos que con motivo da conmemoración deste día van ser realizados no noso País e aproveita para encoraxar o traballo daquelas entidades que ao longo de todo o ano poñen o foco na necesidade de mellorar a seguranza para acabar coa lacra das mortes ou das consecuencias graves como resultado dos accidentes de circulación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG