Galegas 2016

O BNG propón unha renda mínima vital para garantir a subsistencia das familias sen ingresos

Noa Presas e Suso Visanchez na feira de Viana do Bolo
Noa Presas e Suso Visanchez na feira de Viana do Bolo
  • “Non estamos aquí para prometer solucións máxicas contra o desemprego. Traballaremos por crear traballo, pero hai situacións de emerxencia ás que atender”, advirte Noa Presas en Viana.

Falta traballo e a emigración e o emprendemento persoal multiplícanse na Galiza urbana e na rural. “O BNG non está aquí para prometer solucións máxicas contra o desemprego”, advertiu esta mañá Noa Presas ante un grupo de militantes e simpatizantes en Viana do Bolo. “Traballaremos por crear traballo, por fixar poboación en Ourense, a través do Plan Retorna e dun cambio dos modelos de explotación do monte, por exemplo. Tamén prestando atención aos autónomos”, dixo a cabeza de lista por Ourense ao Parlamento Galego.

Presas, acompañada polo alcalde da localidade, Secundino Fernández, e polo número 2 da candidatura nacionalista, Suso Vilasánchez, e outros militantes visitou esta mañá tres negocios de mozas emprendedoras no centro da vila de Viana. Mozas e tamén nais que manifestaron á candidata as súas dificultades para conciliar pero tamén unha firme determinación de criar seus fillos aquí. “Nos estamos por iso, por afirmar desde xa que a emigración é a última opción para a xente deste país”, expresou Presas, e indicou que para conseguir iso, o BNG pretende que o futuro goberno cambie as prioridades do anterior é “a política se impoña ás xustificacións económicas”.

“Non basta con botar a Feijóo da Xunta, hai que ir cara un cambio de modelo, e por iso non basta con mudar de xestores, senón que é preciso ter tamén un plan para o país”, dixo Presas antes de concretar unha das medidas básicas do programa do BNG para o 25 de setembro.

A Renda de Garantía Social tratará de agrupar todas as axudas presentes e futuras que se concedan a persoas que fiquen sen ingresos despois de perder o emprego ou non conseguir traballo. A Renda de Garantía Social, dixo Noa Presas, é “un mínimo vital para garantir a subsistencia ás familias sen ingresos”. E tamén subliñou que se garantirá unha pensión “xusta” aos pensionistas galegos que seguen a percibir as pensións máis baixas do Estado. “Debe ser a Xunta quen compense esa diferenza”, dixo Presas.

Para poder implantar estas medidas, a candidata nacionalista subliñou que será preciso abordar unha negociación do modelo de financiamento co Estado, e camiñar cara a institucións propias de autogoberno, como unha Facenda e unha Banca públicas galegas.

INCENDIOS

Noa Presas tamén manifestou en Viana a súa inquedanza pola vaga de lumes da última semana en Ourense e recordou que onte mesmo houbo dous grandes incendios en Cualedro e en Baños de Molgas, así como outros lumes en Xunqueira, Monterrei, Laza ou Sarreaus, que volveron a levar ao límite ao dispositivo e que só a aparición da chuvia permitiu apagar con rapidez.

OUTRAS PROBLEMÁTICAS

Presas tivo ocasión de recoller outras necesidades da vila, como a de asegurar a cobertura do servizo de pediatría durante todo o ano sen se ver afectado polas vacacións do persoal ou a urxencia de que a Xunta se corresponsabilice na eliminación do vertedoiro de neumáticos

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG