O BNG propón reducir a dez anos o período de cálculo das pensións e fixar a contía mínima no SMI

Montse Prado e Ana Pontón na concentración da CIG diante do Parlamento
Montse Prado e Ana Pontón na concentración da CIG diante do Parlamento

“As persoas traballadoras pobres de hoxe son ás pensionistas pobres de mañá”, advirte Prado, quen tamén defendeu a derrogación das contrarreformas laborais

O BNG propón reducir a dez anos o período de cálculo das pensións e fixar a contía mínima no SMI

A portavoz parlamentaria de Asuntos Sociais, Montse Prado, defendeu no Parlamento garantir o modelo público de pensións e modificacións substanciais no actual sistema, en concreto reducir a dez o período de cálculo da prestación, -agora fixado en 25 anos, e fixar a contía mínima a percibir no equivalente ao salario mínimo interprofesional (SMI). Igualmente, o BNG reclama a a derrogación das contrarreformas laborais aprobadas polo PP e polo PSOE, durante o debate dunha proposición non de lei na Cámara.

Prado salientou que “as persoas traballadoras pobres de hoxe son as pensionistas pobres de mañá”, e iso nun país no que esta prestación é a máis baixa do Estado, polo que considera necesario aprobar unha nova lexislación laboral e social “que restitúa os dereitos perdidos como consecuencia das sucesivas contrarreformas”.

A deputada foi moi crítica coa estratexia do PP e dos poderes económicos de “xerar alarma social pregoando que o sistema de pensións público non é viable, coa clara intención de favorecer un sistema privado e permitir ao capital financeiro xestionar inxentes aforros dos fondos de pensións”.

Esta estratexia é “especialmente mesquiña” no caso de Galiza, onde hai unha maior porcentaxe de pensionistas sobre o conxunto da poboación ca media, e onde preto do 60% das contías das pensións de xubilación está por debaixo do SMI e 15 puntos por debaixo da media estatal.

“Temos un empobrecemento maior dos e das nosas pensionistas, en particular entre as mulleres pois unha de cada catro están por debaixo do limiar da pobreza”, explicou Prado, ante a negativa do PP a apoiar as propostas recollidas na iniciativa do Bloque.

O BNG súmase con esta proposición non de lei ás demandas do sindicato CIG, que hoxe mesmo presentou na Cámara 14.000 sinaturas en defensa do sistema público de pensións, despois de manifestarse ante as portas do Parlamento.